Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de xullo de 2021

O Concello continúa a súa aposta pola actividade física na época estival con “Coruña en forma”

O programa, de carácter aberto e gratuíto, dá resposta á demanda das persoas usuarias das Escolas Deportivas Municipais que ven suspendida a súa actividade nas instalacións municipais de xullo a setembro

Despois da celebración do Día do deporte na cidade e da posta en marcha do novidoso programa Coruña no mar, a Concellería de Deportes continúa coa súa aposta pola actividade física e recreativa na época estival coa iniciativa "Coruña en forma", un programa de carácter aberto, aínda que condicionado pola normativa sanitaria, participativo, de balde, sen inscrición nin cita previa e adaptado a todas as idades.

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, anunciou a intención do Goberno de Inés Rey de "dar resposta con esta iniciativa á demanda das persoas usuarias das Escolas Deportivas Municipais", que ven suspendida a súa actividade nas instalacións municipais de xullo a setembro. Sinalou que é unha oferta aberta á cidadanía, coa intención de promocionar a adquisición de hábitos de vida saudables, o abandono do sedentarismo e a ocupación saudable do tempo de lecer.

Coruña en forma conta coa colaboración de Sanbrandán e comeza a funcionar este domingo, 11 de xullo. A intención é ocupar espazos públicos durante os meses de xullo, agosto e setembro e convertelos en instalacións deportivas non convencionais. Así, as actividades físicas moderadas ocuparán parques, rúas, paseos e prazas da cidade, sempre baixo a supervisión de profesionais debidamente formados.

As zonas de actividade son o Barrio das flores, miradoiro do Matadoiro, parque de Vioño, parque Europa, praia de Riazor, área canina do parque de Eirís, pista de patinaxe de Durmideiras, San Andrés e a cidade deportiva A Torre-Arsenio Iglesias. As actividades programadas de luns a venres son ximnasia aeróbica, taichí, zumba, pilates, ioga, marcha nórdica, maiores en forma e tonificación. Como novidade, nesta edición programaranse actividades durante a fin de semana e aproveitarase a peonalización da rúa de San Andrés para levar a ese punto actividades como roller mix en patíns, axilidade canina, rutas nocturnas ou rutas temáticas en patíns e deporte adaptado.

Tamén haberá polo parque escultórico da Torre de Hércules andainas de ida e volta entre Riazor e Bens, Riazor e a Torre de Hércules, San Andrés e O Parrote (pasando pola Torre de Hércules), praza de Ourense e parque de San Diego e a ruta dos tres parques (Torre, San Pedro de Visma e Bens).

A información dos horarios e os lugares de cada actividade pódense consultar na web da Concellería de Deportes: https://www.coruna.gal/deportes/gl/actividades/coruna-en-forma

Nesta quinta edición de Coruña en forma será imprescindible contemplar as medidas de seguridade propias da normativa COVID. O número de persoas que poden participar en cada sesión verase condicionado polas medidas de cada momento. Para empezar, limitaranse as zonas de participación a un máximo de 15 persoas máis o monitor ou monitora.

Tamén che pode interesar

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión