Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de xuño de 2021

O Concello divulga entre a mocidade os bos usos da internet e unha alimentación saudable

A OMIC ofrecerá nos seus obradoiros un xogo interactivo co que pretende fomentar unha utilización correcta das redes sociais e mais un manual para lles concienciar ás lectoras e aos lectores sobre os hábitos de consumo

A OMIC empregará como material didáctico dentro dos seus obradoiros un novo xogo interactivo co que pretende fomentar o bo uso da internet e das redes sociais entre as xeracións máis mozas e un manual en que  promoverá a alimentación saudable. A concelleira de Comercio, Mercado, Consumo e Barrios, Diana Cabanas, destaca que ambas as novidades formarán parte dos diferentes programas educativos co fin de atender mellor as necesidades do alumnado e facilitarlle a súa aprendizaxe con actividades prácticas que invitan á reflexión. Unha das premisas deste Concello canto á xente máis nova é precisamente informarlle sobre cuestións que lle atañen no seu día a día como o consumo responsable das novas tecnoloxías ou a alimentación nas idades máis temperás.

Xogo interactivo

En concreto, este proxecto interactivo permitirá que a mocidade resolva misións en equipo e sociabilice nunha forma de aprender e se divertir ao mesmo tempo. Dun xeito motivador, as personaxes daranlles ás xogadoras e xogadores unha serie de pautas sobre o bo uso da internet e das redes sociais e tras rematar, farase unha análise dos resultados. O xogo está dispoñible en galego e castelán na web https://estaticos.coruna.gal/omic-juego

Canto ao manual, esta publicación que se usará en obradoiros e itinerarios formativos recolle información referida aos dereitos e deberes das persoas consumidoras na alimentación saudable e na nutrición. Está dirixida ás mozas e mozos de entre os 12 e 16 anos para que coñezan cuestións como as necesidades e problemas nutricionais máis habituais, os riscos dunha mala alimentación, os diferentes tipos de alimentos, vantaxes do comercio de proximidade na alimentación saudable, ou publicidade e falsos mitos.

Con máis de 35 actividades prácticas e a través de ilustracións e imaxes, as lectoras e lectores disporán de recursos suficientes como para recoñeceren hábitos de vida saudables e isto servirá para que sexan máis críticas/os e reflexivas/os con respecto ao que comen ou mercan.

A OMIC repartirá 1.000 unidades deste manual entre a mocidade, que tamén está dispoñible en soporte dixital en galego e castellano. 

Así mesmo, a OMIC elaborou un cartafol para o profesorado que inclúe os obxectivos educativos, a metodoloxía e as respostas aos exercicios detallados no manual co obxecto de que se divulguen nos colexios os bos hábitos de consumo na alimentación.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión