Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de febreiro de 2021

O Goberno municipal propón consensuar un novo PRESCO centrado na dinamización económica e nas axudas aos sectores máis afectados pola pandemia

José Manuel Lage Tuñas expuxo hoxe o borrador coas liñas xerais do plan municipal na Comisión de Facenda. Nas vindeiras dúas semanas os grupos presentarán as súas achegas e o compromiso do Goberno municipal é facer un PRESCO co maior consenso posible.

O Goberno municipal deu hoxe un novo paso cara á aprobación dun novo Plan de rescate económico e social da Coruña (PRESCO) coa presentación na Comisión de Economía e Facenda dunha proposta cun borrador de liñas xerais, que está aberto ás achegas por parte de todos os grupos, segundo se acordou no seu día. Tal e como anunciara a alcaldesa, a intención do executivo é aprobar un novo plan que axude a aliviar a situación dos sectores máis afectados. 

O Goberno de Inés Rey foi pioneiro o ano pasado coa activación dun primeiro plan de axudas e incentivos, plan dotado con 14,4 millóns de euros e que facilitou axudas a cerca de 4.000 autónomos/as e micropemes a través das distintas liñas implementadas. 

O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, explicoulles hoxe aos grupos na Comisión de Facenda as liñas mestras do novo programa. "Queremos axudar á recuperación económica retomando accións que levamos a cabo o ano pasado con éxito, como os plans de bonos para reactivar o consumo", explicou o edil. Na proposta presentada aos grupos constan bonos específicos para hostalaría, comercio e cultura, e tamén para lle axudar ao sector do taxi, moi afectado por unha redución da demanda derivada da pandemia. A diferenza do 2020, preténdese tamén ofrecer un soporte en papel para os bonos, para que a aplicación das novas tecnoloxías nos trocos non supoña unha barreira para ninguén e para garantir que calquera poida desfrutar dos descontos."No eido social, queremos manter programas que funcionaron moi ben o ano pasado, como o de canguraxe, e poñer en marcha novos plans de apoio ás persoas maiores", indicou o edil e portavoz do Goberno local. Ademais, expuxo Lage Tuñas, a intención é tamén recuperar as axudas directas ás persoas autónomas, achegas que axuden ao pago do alugueiro e das cotas da Seguridade Social ás persoas autónomas e micropemes e que se poidan aboar dun xeito áxil. A proposta do Goberno municipal inclúe a reedición das bolsas de creación artística e a programación de actividades culturais para contribuír ao mantemento do dito sector, ao que tamén irían destinados os bonos, que permitirían aboar tamén entradas e espectáculos. Ademais, o executivo quere contribuír á modernización dixital do propio Concello, aforrándolle así tempo á veciñanza nas súas xestións municipais e evitándolle desprazamentos innecesarios. José Manuel Lage solicitoulles aos grupos que fagan achegas durante as dúas próximas semanas antes de reunirse de novo en comisión para poder pechar o plan e poñelo en marcha. "Coido que no apoio ao PRESCO temos que estar unidos, igual que o estivemos en xuño do ano pasado, cando aprobamos por unanimidade o primeiro plan de reactivación", indicou Lage Tuñas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión