Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de xuño de 2021

Rey: “O Goberno local destinou preto de 8 millóns de euros ás entidades sociais da cidade”

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá máis de 600.000 euros en convenios sociais para o tecido asociativo coruñés. Anunciou a licitación das obras da urbanización en Xuxán por valor de 15 millóns de euros que suporán "o maior impulso dado a Xuxán desde o inicio do parque".

A alcaldesa, Inés Rey, sinalou na rolda de prensa, tras a Xunta de Goberno Local, que o seu executivo "destinou preto de 8 millóns de euros ás entidades sociais da cidade", e lembrou que "este goberno fixo do investimento social un sinal de identidade desde a súa chegada a María Pita hai dous anos, e foi o goberno que máis fondos destinou na historia deste Concello a Benestar Social".

Rey anunciou que hoxe se reafirma ese compromiso coa aprobación de máis de 600.000 euros en convenios para entidades sociais. Así, apuntou, "o Goberno local demostra unha vez máis con feitos, con investimento público, que A Coruña é solidaria", e que "o traballo que realiza o tecido asociativo merece todo o apoio municipal", matizou. Nesta materia, a Xunta de Goberno autorizou a prórroga do contrato para a xestión do Dispositivo de Baixa Esixencia para persoas sen teito até xaneiro de 2022, cunha dotación anual de 224.000 euros; renovou o convenio coa Asociación Renacer de atención ás persoas maiores en situación de soidade por valor de 75.000 euros e autorizou a achega anual de 100.000 euros para renovar o convenio con Cruz Vermella para o mesmo fin. Con Cruz Vermella tamén se aprobou esta mañá outro convenio, por valor de 150.000 euros, para financiar un programa anual de axudas de emerxencia social. Autorizouse o gasto social de 220.000 euros a ACLAD, para atender a persoas enfermas drogodependentes, e destináronse 61.000 euros a un servizo de formación para o emprego e tránsito á vida adulta de persoas con discapacidade psíquica a través da Fundación ADCOR.

Xuxán

Por outra banda, tamén se deu o visto e prace á contratación da finalización das obras da urbanización en Xuxán. Con esta obra o Concello culminará a urbanización do polígono que comezou hai unha década. A alcaldesa indicou que se trata "do maior impulso dado a Xuxán desde o inicio do parque, unha solución definitiva para converter un barrio nunha oportunidade para satisfacer a alta demanda de vivenda, equipamentos e infraestruturas da cidade". Deste xeito, o Concello cumpre coa súa parte do protocolo que se acordou hai un mes coa Xunta e a asociación de promotores inmobiliarios do ámbito, e que tiña como fin axilizar e impulsar as obras de urbanización en Xuxán cun investimento de máis de 15 millóns de euros. Estas obras, apuntou Rey, "permitirán entre outras melloras executar a esperada conexión entre Xuxán e Matogrande e contribuír a integrar a zona na cidade, así como a creación de novas zonas verdes, de esparexemento, de lecer, de deporte e de descanso para a veciñanza".

A rexedora sinalou que "outra das actuacións claves que amosan o compromiso deste Goberno co barrio de Xuxán foi a construción das 50 vivendas de protección oficial tras 14 anos de espera" e lembrou que, en total, están proxectadas 1.550 VPO na zona.

Na reunión de hoxe tamén se adxudicou definitivamente a concesión do Copacabana a Indihostel 2012 S.L. "A renovación do emblemático establecemento contribuirá á mellora integral dos xardíns de Méndez Núñez, que xa iniciamos nunha primeira fase tras a erradicación do botellón e a conseguinte intervención botánica do parque", apuntou Rey. O adxudicatario executará o proxecto arquitectónico redactado por Xosé Manuel Casabella, autor tamén do actual Copacabana, e José Luis Martínez Raído, un proxecto que conserva a morfoloxía e os valores do establecemento. O orzamento das obras ascende a 386.216 euros, traballos que suporán a renovación do mobiliario, equipamento e tamén da cuberta e acristalamentos, que serán asumidos pola empresa. A empresa aboaralle ao Concello un total de 798.770 euros durante os 30 anos de concesión, a razón de 26.625 euros ao ano, case dez veces máis que o último canon que rexía a concesión.

A alcaldesa anunciou que o Goberno local tamén resolveu o contrato da concesión do aparcadoiro da praza Luis Seoane - Fonte das Paxariñas, en Novos Ministerios, tras entrar a empresa concesionaria en concurso de acredores. Por tanto, dixo, ábrese unha nova vía que estudaremos, aínda que o primeiro será adecualo e melloralo para que se poida prestar un servizo óptimo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión