Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de maio de 2021

Seivane recorda a súa antecesora Áurea Rodríguez que actuou en público cando a palabra “gaiteira” tiña un significado negativo

A artista compartiu esta tarde as súas inquedanzas como profesional da música nun ciclo “As mulleres, cen anos despois de Emilia Pardo Bazán. Conversas na Casa-Museo”, organizado polo Concello, en que o Goberno de Inés Rey quere dar a coñecer a traxectoria de oito mulleres referentes en distintos ámbitos

A gaiteira Susana Seivane protagonizou hoxe o ciclo "As mulleres, cen anos despois de Emilia Pardo Bazán. Conversas na Casa-Museo", organizado polo Concello en colaboración coa Real Academia Galega, en que falou da súa responsabilidade artística e o orgullo "tremendo" que sente ao saber que as nenas a ven coma un referente.

O obxectivo destas conversas é a procura da perspectiva do acadado desde a época de Emilia Pardo Bazán, sinala a alcaldesa, Inés Rey, e "que cada participante fale da súa traxectoria profesional e das dificultades que tiveron por seren mulleres. Son charlas que non só recordan a escritora senón que traen o seu legado á actualidade". Rey foi precisamente a encargada de inaugurar as conversas o pasado mes de marzo para compartir a súa experiencia no eido da política.

Nesta caso, a charla de Seivane, conducida polo xornalista Manuel Rodríguez, serviu para recordar unha traxectoria que comezou aos tres anos para se converter nunha pioneira da gaita. Tamén recordou as súas antecesoras e como lle influíron na súa carreira: "Mulleres que tocasen a gaita sempre as houbo, pero os prexuízos sociais, o machismo, impedía que o fixeran en público e sobre os escenarios. A palabra gaiteira ata tiña un significado negativo: no dicionario de Juan Cuviero Piñol, de 1876, atribúeselle o significado de muller alegre e casquivana". Seivane recordou que o primeiro gran grupo galego formado só por gaiteiras constituíuse en Ribadeo en 1960 baixo o nome As Meniñas da Saudade: "O meu avó falaba delas con admiración", contou a intérprete, que tivo a honra de coñecer a parte das integrantes da banda. Pero antes delas, engadiu, "cómpre lembrar outro nome que merece estar nos libros de historia da música: o de Áurea Rodríguez".

Para a experta, Áurea foi unha auténtica pioneira ao ser a primeira muller da que se ten constancia en Galicia que actuase publicamente como gaiteira e líder da banda que formou cos seus irmáns, Os Marabillas. Relatou que ela era tamén a directora artística e a representante: "O grupo chegou a actuar na Arxentina e na prensa cualificárona como a reina de la gaita gallega. A última actuación de Áurea da que se ten noticia foi no ano 1945 en Venezuela, despois perdéuselle a pista". Malia a súa relevancia, a gaiteira lamentou que Áurea Rodríguez non saia nos libros escolares de historia da música: "Aparezo eu como exemplo de gaiteira e os nenos e nenas non saben que eu tiven unha digna precursora".

A artista abordou a situación actual das mulleres no mundo da música e pechou o acto interpretando un par de pezas xunto a súa irmá, a luthier Saínza Seivane, o seu fillo Fiz no bombo e o seu afillado Brais no tambor, cos que formou a "banda do balcón" para animar a veciñanza de Cambre durante o confinamento.

A actividade, enmarcada dentro dos actos polo centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán, continuará o 3 de xuño coa xornalista, escritora e vicevaledora do Pobo, María Xosé Porteiro, que conversará con Pepe Castro sobre "Sororidade": tecer redes entre mulleres.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión