23 de xullo de 2024
A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá o paso en ‘U’ que conecta os dous barrios, habilitado desde este martes á circulación de vehículos, tras completarse os derradeiros exames de seguridade e probas de carga
O Concello rubricou este martes a finalización das obras de reurbanización do barrio de Xuxán, unha intervención na que se levou a cabo un investimento de 11,5 millóns de euros e que supuxo, en termos prácticos, a creación das infraestruturas e espazos públicos necesarios para a veciñanza ao amparo do desenvolvemento residencial na zona.
A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá o barrio, xa conectado con Matogrande a través dun paso en 'U', que, sobre a vía ferroviaria, une a gran praza central de Xuxán coa rúa Juan Díaz Porlier. A gran novidade da xornada foi, precisamente, a apertura deste paso ao tráfico rodado. Se a mediados de maio habilitouse o tránsito peonil e ciclista, este martes deuse luz verde á circulación de vehículos, unha vez completados os exames de seguridade da estrutura e tamén se executaron as correspondentes probas de carga sobre o paso en 'U'.
"Isto supón que as rúas de Xuxán xa están, definitivamente, unidas á paisaxe urbana da cidade. Foi un traballo arduo, mais necesario para que as veciñas e veciños, tanto os que xa están asentados no barrio como os que residan aquí a curto e medio prazo, dispoñan dos mellores servizos", apuntou a rexedora, acompañada hoxe pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, e o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego.
En datos: que supuxo a urbanización de Xuxán?
As obras para urbanizar o barrio comezaron en xaneiro de 2022 nas parcelas do antigo parque Ofimático, onde se acondicionou a superficie existente de maneira que, en paralelo ao desenvolvemento residencial do barrio, tamén se creasen 28.500 metros cadrados de áreas verdes, dos que algo máis de 25.000 son pradeira natural. Ademais, plantáronse máis de 1.400 árbores e máis de 12.000 arbustos.
A isto sumouse a construción de espazos de lecer e gozo como a gran praza central de Xuxán, unha superficie de 12.500 metros cadrados que conta cun parque infantil que inclúe xogos adaptados a nenas e nenos con mobilidade reducida. A esta última infraestructura súmase, ademais, outra área de xogos infantís na rúa Longarela, aberta en novembro de 2022.
A maiores, tamén na rúa Longarela, unha das principais arterias do barrio, habilitouse unha área de calistenia na que tamén se creou un parque biosaudable.
Xuxán terá a súa primeira base de BiciCoruña coa segunda fase de expansión
Unha das primeiras infraestruturas que foron visibles co avance progresivo das obras en Xuxán foi o carril bici do barrio, cun percorrido de case 1.500 metros.
Neste sentido, a alcaldesa lembrou esta mañá que o Concello ten previsto que na segunda fase de expansión de BiciCoruña se habilite en Xuxán a que será a primeira base do barrio, atendendo ao incremento poboacional que se prevé no distrito e tamén ás súas necesidades futuras.
Máis de 1.800 prazas de estacionamento públicas, en superficie
Na urbanización de Xuxán, o Goberno de Inés Rey tivo especialmente en conta o progresivo aumento de residentes, cunha previsión a medio e longo prazo. Por ese motivo, o barrio conta xa con máis de 1.850 prazas de estacionamento en superficie, públicas, "unha dotación que entendemos necesaria para darlle servizo ás persoas que xa viven en Xuxán e tamén ás que o farán proximamente".
A isto súmase, ademais, o aparcadoiro construído polo Concello na contorna da rúa Sebastián Martínez Risco. Este novo espazo amplía en 30 o número de prazas de aparcadoiro no barrio de Matogrande, unha medida que tamén axudará a evitar o estacionamento indebido que se detecta en franxas concretas do día na contorna do colexio Liceo La Paz.
Cincuenta vivendas destinadas a alugueiro social no barrio
Na visita desta mañá, Inés Rey lembrou que a folla de ruta do plan de desenvolvemento residencial nos soares edificables de Xuxán tamén implica ao Concello. Concretamente, na construción dun bloque de 50 vivendas na parcela Z-37, vivendas que irán destinadas, na súa maior parte, a alugueiro social.
No proxecto para a construción do edificio, o Goberno de Inés Rey tivo especialmente en conta a necesidade de facilitar o acceso á vivenda a persoas con mobilidade reducida, "de aí que unha quinta parte das mesmas, 10 do total das 50 que se habilitarán no bloque residencial, serán adaptadas". Son cinco veces máis do mínimo estipulado pola normativa.
Ademais, o edificio da Z-37 contará con 104 prazas de estacionamento nos sotos do edificio.
As obras de construción na parcela Z-37 licitáronse a finais do pasado mes de xuño. Unha vez que se adxudiquen, está prevista a súa execución nun prazo de 24 meses. O investimento estimado polo Concello é de 10,2 millóns, dos que 2,4 son procedentes de fondos Next Generation, unha quinta parte do total.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible