18 de agosto de 2026
O Concello e a Federación Galega de Atletismo avanzan cos preparativos de cara á proba, que xa conta con máis de 2.600 persoas inscritas en menos dun mes
A menos de dous meses da súa celebración, avanza a definición do cadro de atletas elite que participarán na vindeira edición da carreira popular Coruña10, que confirmou unha nova incorporación de prestixio de cara ao 4 de outubro: será a deportista Águeda Marqués, especializada no mediofondo e finalista nos 1.500 metros dos Xogos Olímpicos de París 2024.
Marqués (Segovia, 1999), inmersa estes últimos meses nun proceso de recuperación progresiva tras diversas molestias físicas, participou ao longo do ano en citas internacionais como o Doha Meeting e tamén os 10K do Zurich Rock 'n' Roll Running Series Madrid, que tivo lugar en abril e nos que obtivo a vitoria cun tempo de 32:41.
Agora, A Coruña asoma no seu calendario de competición. Será a primeira vez que a atleta española compita na carreira máis lonxeva das populares herculinas. "Apetéceme moito correr o 10K na Coruña porque, ademais, creo que é unha forma moi especial de empezar unha nova tempada e facer un pouco borrón e conta nova despois deste ano tan difícil para min. A Coruña é unha das miñas cidades favoritas e teño moitas gañas", indicou Marqués.
A alcaldesa, Inés Rey, valorou a participación de Marqués na que será a vixésima edición da Coruña10: "A moitos de nós gañounos coa súa valentía e carácter nos Xogos Olímpicos de París, tamén pola súa naturalidade, carisma e capacidade para transmitir valores ás novas xeracións de atletas".
Neste sentido, a rexedora apuntou que a presenza de deportistas como Águeda Marqués tamén pode supor un aliciente engadido para que a participación feminina nas carreiras populares siga medrando, na liña dos últimos anos. De feito, a C10 2025 foi a edición na que se constatou a participación de máis mulleres na carreira: un total de 725. Case un 28% da cifra total de atletas, a porcentaxe máis alta na historia da proba.
O espírito de superación de Marqués tamén foi un dos aspectos que destacou o presidente da Federación Galega de Atletismo (FGA), Iván Sanmartín, que valorou a coraxe e capacidade competitiva da atleta segoviana.
Máis de 2.600 persoas inscritas en menos dun mes
A confirmación de Águeda Marqués como nova atleta elite da C10 súmase á do atleta galego Adrián Ben, xa anunciada semanas atrás.
Son dous dos principais reclamos dunha carreira que, paso a paso, vai completando a oferta inicial de 3.000 dorsais lanzada polo Concello e a Federación Galega de Atletismo. En menos dun mes, inscribíronse máis de 2.600 persoas entre as diversas categorías. A maior parte, na proba absoluta (2.400), mais tamén en inferiores e peques.
Tras a finalización do prazo a custo reducido, as persoas interesadas en anotarse na XX Coruña10 poderán aproveitar o prazo ordinario habilitado ata o 25 de setembro (15 euros). Haberá tamén un terceiro prazo, extraordinario, o 26 e 27 de setembro. Isto, sempre a expensas de que non se esgoten antes as prazas dispoñibles.
Cómpre lembrar, iso si, que en función da demanda existente tamén se prevé habilitar unha listaxe de agarda para lanzar unha oferta de dorsais extra.
Ademais, á hora de inscribirse hai bonificacións especiais para persoas desempregadas, maiores de 65 anos e tamén para familias numerosas.
Tamén che pode interesar

9 de agosto de 2026

28 de xullo de 2026

24 de xullo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible