Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de xaneiro de 2023

A BMMC actuará, desde este domingo 15 de xaneiro e ata o 25 de maio, en localizacións como o Teatro Colón, o centro sociocultural Ágora e a rede municipal de centros cívicos, acompañada por solistas de primeiro nivel

A Banda Municipal de Música da Coruña presenta a súa programación para a tempada de inverno e primavera, cunha previsión de máis de 40 concertos

A alcaldesa, Inés Rey, presentou ao novo director titular da agrupación, Juan Miguel Romero Llopis, que asume o cargo co obxectivo de “vincular á cidade co proxecto artístico da banda”

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá ao novo director titular da Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC), o alacantino Juan Miguel Romero Llopis, que xa durante o ano pasado exerceu como director convidado da agrupación en múltiples concertos e que agora asume oficialmente o cargo de titular.

Romero Llopis, titulado en Clarinete e Dirección de Orquestra, foi subdirector da Banda Municipal de Música de Barcelona (2009-2013) e director da Banda Municipal de Santiago de Compostela (2013-2016) e da Banda Municipal de Palma de Mallorca (2016-2019). Ademais, Llopis recibiu o premio ao mellor director do Certame Internacional de Altea na edición do ano 2021, levando a batuta da Unión Musical de Almoradí. En paralelo a este percorrido, o director alacantino acompañou a solistas de prestixio internacional como Ara Malikian e Ionut Podgoreanu.

Inés Rey destacou a traxectoria de Romero Llopis no nomeamento, que segue o ronsel de referentes como Rodrigo Alfredo de Santiago e Rogelio Groba, anteriormente á fronte da banda nos seus 75 anos de historia. "A designación de Juan Miguel Romero Llopis responde á súa dilatada experiencia e ao seu coñecemento interno da BMMC. Con el, a Banda Municipal inicia unha nova e ilusionante etapa", subliñou a rexedora.

No contexto da presentación, Juan Miguel Romero Llopis detallou polo miúdo a programación dos Ciclos de Inverno e Primavera da BMMC, que neste primeiro semestre de ano interpretará un total de 43 concertos desde este domingo, día 15 de xaneiro, e ata o vindeiro 25 de maio.

"Queremos vencellar a cidade no proxecto artístico da Banda Municipal. As actuacións terán lugar en emprazamentos históricos como o Teatro Colón, a igrexa de San Xurxo, o centro Ágora ou o auditorio do Conservatorio Profesional da Coruña. Pero ademais, a principal novidade da programación é o achegamento das nosas actividades á cidadanía, con dous ciclos semanais en marzo e maio nos que a BMMC, en formato de grupos instrumentais reducidos, levará a cabo 25 concertos nos centros cívicos municipais da cidade", detallou Romero Llopis.

A primeira actuación da programación de inverno terá lugar este domingo 15 (12.15 horas), no Teatro Colón. A Banda Municipal, acompañada polo pianista Javier Ares, interpretará o concerto 'Fantasía española'. Como xa é habitual, a sesión será de acceso libre ata completar a capacidade do recinto. Retransmitirase tamén en directo a través da canle oficial da BMMC en YouTube.

A actuación prevista esta semana abre un amplo calendario de actuacións nos que a Banda Municipal se achegará, por exemplo, ás actividades conmemorativas polo Ano Picasso, co 'Concerto picassiano' que acollerá o Teatro Colón o 29 de xaneiro; o 'Entroido musical' que se executará no Ágora entre os días 8, 9 e 10 de febreiro, coa narradora Paula Carballeira; a intervención de solistas como o trompetista Bernardo Landrove e Gregorio Keilin, ao violoncello, xa en marzo; e a participación en proxectos de vangarda como o Festival Resis ou o Encontro Mundial de Humorismo, entre abril e maio, xa no Ciclo de Primavera.

"Mención especial merece o programa dedicado integramente ao concerto que levaremos a cabo o día 18 de maio co gallo do Día das Letras Galegas, coa participación da agrupación tradicional Cántigas da Terra, actuación na que se producirá a estrea dunha obra do compositor novel coruñés León Durán", anunciou Romero Llopis.

A lembranza á figura de Rogelio Groba

Durante a rolda de prensa, a alcaldesa tamén recordou a figura de Rogelio Groba, músico e compositor galego que faleceu o pasado 31 de decembro, con 92 anos. Groba promoveu os conservatorios e tamén  institucións como a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), ademais de dirixir a Banda Municipal de Música da Coruña durante máis de vinte anos.

"Foi unha das grandes referencias da música clásica do país, e unha figura esencial para a difusión da cultura musical na Coruña", dixo a alcaldesa.

Precisamente, no concerto previsto este domingo no Teatro Colón, a Banda Municipal renderá homenaxe á figura de Rogelio Groba coa interpretación de 'Fantasía española'.

Documentos:

Programación da Banda Municipal de Música de xaneiro-maio 2023 (48 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión