7 de maio de 2025
A actuación, na que se interpretarán composicións de Rogelio Groba e Charles Ives, suporá a estrea en Galicia da peza ‘As marxes’, do coruñés Mario Cortizo. Será a partir das 20.00 horas no Teatro Colón
A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) volve mañá ao Teatro Colón ao abeiro da nova edición do Festival de Música Contemporánea RESIS, cun concerto especial que levará as persoas asistentes a unha viaxe no tempo polas músicas tradicionais galegas e tamén norteamericanas.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, puxo en valor o programa deste xoves, "moi interesante en termos de fusión de estilos", xa que a actuación partirá de composicións tradicionais, enraizadas no popular, para facer música de vangarda.
O concerto, que estará dividido en dous bloques temáticos, arrincará co foco posto en Norteamérica e, máis concretamente, a Country Band March de Charles Ives, "un creador de tendencias que, sendo neno, escoitou na súa infancia estas marchas concibidas para bandas populares e pasodobres americanos", tal e como explica o director titular da BMMC, Juan Miguel Romero Llopis.
Será unha das pezas máis rechamantes da programación, que continuará no segundo bloque coa estrea en Galicia de 'As marxes', unha composición do coruñés Mario Cortizo, que estará acompañado por Adolfina e Rosa Casás, Asunción Garrido, Manuel e Teresa Lema. Cortizo, presente nos ensaios destes días e que tamén estará mañá sobre as táboas do Teatro Colón, unirá desta forma a música tradicional das cantareiras e das bandas populares.
Haberá tempo, ademais, para desfrutar co legado de Rogelio Groba. A Banda recuperará o seu 'Cruñesas' de mediados dos anos setenta, peza inspirada nas muiñeiras galegas.
Gonzalo Castro convidou a cidadanía a non perder o concerto deste xoves 8 de maio, que será de acceso libre ata completar a capacidade prevista no Teatro Colón.
15 de maio de 2025
13 de maio de 2025
9 de maio de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible