Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de novembro de 2022

A alcaldesa, Inés Rey, recibiu no Pazo Municipal a Carlos González Garcés, presidente de El Eco, xunto con outros membros da Coral

A Coral Polifónica “El Eco” conmemora o seu 140 aniversario cunha exposición na Sala Municipal de Exposicións de Palexco

A exposición, que conta coa colaboración do Concello, estará aberta ata o vindeiro 22 de xaneiro con entrada de balde ata completar capacidade

A sala municipal de exposicións de Palexco acolleu esta tarde a presentación da exposición "Coral Polifónica 'El Eco' (1882-2022)" con motivo do seu 140 aniversario. A alcaldesa, Inés Rey, presidiu o acto de apertura acompañada do comisario da exposición, Alberto Cancela, e o presidente da Coral Polifónica El Eco, Carlos González Garcés.

"Celebrar 140 anos de amor pola música non é doado, e menos facelo coa vitalidade, a forza e o recoñecemento da Coral "El Eco" o que supón un absoluto orgullo para todos e todas nós" explicou a alcaldesa. A mostra recolle imaxes e relatos dos fitos máis importantes vividos nos primeiros 140 anos de historia da coral, entre os que destacan a participación en certames e exposicións de renome como "El gran pensamiento" ou a exposición universal de París no 1889. "Unha ampla traxectoria de recoñecementos á polifónica máis antiga de España que culminamos este ano coa Medalla Castelao, unha distinción que desde 'El Eco' recibimos como un recoñecemento a toda a cidade" destacou o presidente da coral.

Alberto Cancela, comisario da exposición, explicou os detalles da mostra formada por máis de 120 elementos entre os que se atopan coroas, medallas ou partituras "Seguindo unha orde cronolóxica dispuxemos todos os elementos escollidos para a exposición, a gran maioría presentes no arquivo da polifónica e que constitúen un dos máis ricos na historia das corais".

Os elementos combínanse con paneis informativos e pezas audiovisuais acompañadas dunha unidade didáctica editada polo Concello, orientada aos centros educativos e dispoñible para o público xeral na web muncipal.

A mostra estará aberta ao público ata o vindeiro 23 de xaneiro, con entrada de balde ata completar capacidade. "Animo a todos os coruñeses e coruñesas a que se acheguen visitar esta exposición para coñecer a historia de El Eco e con ela, a historia cultural da cidade da Coruña" concluíu.

Recepción oficial e sinatura no libro de ouro

Esta mañá, a alcaldesa recibiu no Pazo de María Pita a Carlos González Garcés, presidente da Coral Polifónica "El Eco" xunto con outros membros da Coral como recoñemento pola súa distinción coa Medalla Castelao. "É un inmenso pracer recibirvos como alcaldesa, mais tamén como coruñesa namorada da música que ve como a súa cidade continúa a cumprir anos de historia cultural e musical que conmemoramos co 140 aniversario de 'El Eco'" sinalou a rexedora.

O presidente da coral, Carlos González Garcés, asinou o libro de ouro do Concello en representación da Polifónica. "Para unha agrupación musical como a nosa é unha honra ser recibidos na Casa Consistorial e asinar o libro de ouro despois de referentes como Joan Manuel Serrat ou o mesmo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, situándonos nunha posición privilexiada que lle quero recoñecer á alcaldesa e a este Goberno" explicou González Garcés.

Ambos os dous destacaron a boa colaboración entre a entidade cultural e o Concello, impulsando actividades e iniciativas para a divulgación musical. "Non debemos esquecer que a cultura é sinónimo de patrimonio e as administracións temos o deber de protexelo, e nese camiño sempre nos atoparedes" concluíu a alcaldesa.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión