Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de setembro de 2022

Inés Rey: “A Coruña é a primeira parada da exposición despois da súa estrea en Verín, berce do propio estilo de Verino”

A Coruña acolle a exposición “40 años de #estiloverino: Belleza serena” sobre a historia da marca

Realizaranse dúas actividades paralelas: unha charla orientada ao pequeno comercio e un debate sobre transformación tecnolóxica no que participarán responsables de Roberto Verino, Altia e GOI

A Coruña acolleu esta mañá a presentación da exposición "40 años de #estiloverino: Belleza serena", unha mostra sobre a historia da marca durante estas primeiras catro décadas. Estará aberta ao público na Fundación Luís Seoane ata o 25 de setembro con entrada libre. "Case un mes onde os coruñeses e coruñesas non só nos achegaremos a coñecer máis o estilo Verino, senón que tamén o estilo verino achegarase a coñecer máis esta cidade" sinalou Inés Rey.

A alcaldesa estivo acompañada por Roberto Verino, deseñador e fundador da marca, quen lle agradeceu a súa colaboración no proxecto: "O esforzo e o agarimo co que nos arroupáchedes no noso desembarco na Coruña é admirable". O deseñador explicou que a exposición pretende "trasladar a nosa visión de facer moda", máis consciente e sostible, "de aí que nesta selección vexades prendas que son tan actuais hoxe como fai 40 anos".

A mostra estará en varias cidades da xeografía española, como Zaragoza, Madrid, Oviedo ou Santiago de Compostela. "A Coruña é a primeira parada da exposición despois da súa estrea en Verín, berce do propio estilo de Verino" sinalou a alcaldesa, "o mellor lugar para comezar a súa ruta itinerante, pois A Coruña é a capital modernista do norte e unha das cidades de referencia en moda e arte".

Nese marco, Inés Rey reivindicou a moda como parte da cultura pola súa condición artística. "Os deseñadores e deseñadoras deixan toda a súa pegada en cada creación, como acontece no resto de artes" explicou, "creando esa beleza serena da que fala Roberto Verino formando parte da cultura, da artesanía e como tal, tamén da historia artística do noso territorio".

Actividades paralelas á exposición "40 años #estiloverino: Belleza serena"

Con motivo da exposición, celebraranse dúas actividades paralelas durante a estadía da mostra na cidade. A primeira delas será unha charla impartida por Dora Casal, CEO de Roberto Verino, prevista para o vindeiro mércores 7 de setembro na Fundación Luís Seoane, ás 19.30 h. Esta será unha charla orientada ao pequeno comercio da cidade, onde a través da experiencia de Roberto Verino, emprendedores e autónomos poderán adquirir claves sobre a consolidación de marca.

O 22 de setembro está prevista a segunda das actividades, unha mesa de debate sobre a transformación dixital aplicada ao mundo da empresa. Nela estarán presentes Pablo Aranda Riveiro, director de sistemas de Roberto Verino, Alfonso Román, director asociado de Altia e Yaiza Canosa, CEO e Fundadora de GOI. "Un debate que se dá nun lugar idóneo como A Coruña, a que xa é a Cidade das TIC grazas a tantas empresas do sector que atoparon nesta cidade un espazo onde desenvolver os seus proxectos, converténdose no polo tecnolóxico de referencia" destacou Inés Rey.

Ambas as actividades son de entrada libre ata completar capacidade e teñen como obxectivo "aproveitar o paso de Roberto Verino pola nosa cidade para compartir a experiencia da súa marca, e que o tecido empresarial e emprendedor poida recoller parte do legado dunha marca consolidada e de referencia" concluíu a alcaldesa.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión