30 de outubro de 2026
As actividades son organizadas Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
En Galicia hai cando menos 84 concellos que asinaron 133 irmandamentos con outras localidades. Para sacar o máximo partido destas alianzas, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organiza o 10 de novembro a xornada 'Cooperación municipalista. Novos enfoques para vellas fórmulas: irmandamentos e axuda humanitaria', co cofinanciamento do Concello da Coruña. A formación irá precedida o día anterior por unha conferencia aberta ao público de Marta Calderón, especialista da Oficina do Conservador da Cidade de Santiago de Cuba.
O programa do curso desenvolverase no Espazo Hi Coruña de 10.00 a 17.00 horas e está dirixido principalmente a representantes políticos e persoal técnico dos municipios, pero tamén a membros de organizacións e persoas interesadas en xeral, que poden inscribirse en fondogalego.gal ata o 31 de outubro. As sesións comezarán cunha panorámica sobre os irmandamentos en Galicia por parte do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), para continuar cunha mesa de experiencias na que os alcaldes de Anoeta e Nigrán compartirán as boas prácticas das súas irmandades no Sáhara e Cabo Verde, mentres que a propia Marta Calderón exporá os froitos do irmandamento con Santiago de Compostela. Para rematar, a consultora ICSEM dinamizará un obradoiro práctico.
O obxectivo deste bloque matinal é que os concellos galegos que xa están irmandados poidan tirar proveito desta fórmula como ferramenta de cooperación descentralizada, principalmente no ámbito do intercambio de experiencias e da aprendizaxe mutua. E tamén animar a establecer novos proxectos de irmandamento sólidos e sostibles, ofrecendo claves para deseñalos e orientándoos de maneira estratéxica e práctica cara a resultados concretos, no marco do desenvolvemento local e da innovación pública.
Xa pola tarde, a partir das 15.00 horas, a xornada entroncará co proxecto 'Territorios que transforman', no que o Fondo Galego traballa co apoio da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad e da Dirección General de Políticas de Desarrollo Sostenible, coa finalidade de fortalecer a cooperación internacional promovida polos concellos. Durante a presentación, distribuiranse varios manuais e tamén a guía 'Saber doar. A axuda humanitaria desde os concellos', que dará paso ao derradeiro bloque formativo.
Neste caso, a mesa redonda protagonizada por ONGs como Cruz Vermella, Asemblea de Cooperación pola Paz e Farmamundi achegará as claves para canalizar a solidariedade da veciñanza dun xeito eficaz, especialmente en situacións de emerxencia como a DANA de Valencia ou a guerra en Ucraína, dado o caos xerado coas recollidas para as persoas afectadas. Desta volta, a partir da súa bagaxe, as entidades especializadas trasladarán recomendacións para organizar unha resposta eficiente, coordinando esforzos para evitar duplicidades, desbotando ideas preconcibidas e evitando xerar falsas expectativas.
Charla sobre a situación en Cuba
Na xornada previa á formación, o 9 de novembro, desenvolverase no Centro Cívico Cidade Vella a charla-coloquio 'Cuba na encrucillada. Unha visión desde o municipalismo sobre os desafíos que enfronta a illa'. Trátase dun encontro con Marta Calderón, especialista principal en Cooperación e Relacións Internacionais da Oficina do Conservador da Cidade de Santiago de Cuba, que busca sensibilizar aos municipios e á sociedade en xeral sobre a difícil situación que atravesa o pobo cubano, combatendo a desinformación ao respecto.
Na conferencia porase tamén en valor a cooperación ao desenvolvemento impulsada polos gobernos locais e, en especial, a sólida colaboración que o Fondo Galego mantivo con Santiago de Cuba, e que deu froitos tan valiosos coma o Plan Mestre de Revitalización da Cidade Histórica. Así se fará asemade nos encontros que a convidada manterá ao longo da semana con representantes dos concellos nas distintas provincias.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 121 concellos e as catro deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 29 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.

15 de novembro de 2026

13 de novembro de 2026

13 de novembro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible