Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de novembro de 2023

A Coruña opta en Dunkerque a se converter en porto fixo da regata de grandes veleiros Tall Ships Races

A alcaldesa, Inés Rey, expuxo hoxe en Francia as liñas estratéxicas do Concello con vistas a que a cidade sexa unha base áncora da Sail Training International, impulsora dun evento náutico de categoría mundial

A alcaldesa, Inés Rey, participou esta mañá en Dunkerque (Francia) na International Sail Training & Tall Ships Conference 2023, un encontro promovido pola Sail Training International (STI) co obxectivo de avaliar as estratexias e iniciativas executadas polas cidades anfitrionas da última edición da regata de grandes veleiros Tall Ships Races, que A Coruña acolliu a finais de agosto.

A conferencia, que comezou este xoves, conta coa participación de case 200 representantes de institucións públicas e asociacións náuticas procedentes de países dos cinco continentes. A delegación española estivo integrada por A Coruña e Cádiz, cidades que recibiron a Tall Ships Races o pasado verán. No caso da Coruña, Inés Rey estivo acompañada polo equipo de profesionais do Consorcio de Turismo e Congresos e pola directiva da Asociación Juan de Lángara, colaboradora na organización deste evento no porto herculino.

A rexedora formalizou a candidatura da Coruña para acoller novamente a Tall Ships Races no ano 2027, e facelo dende entón cunha regularidade cuatrienal, "o que permitiría reforzar a nosa posición como a cidade máis visitada pola regata na súa historia, en dez ocasións ata o momento". Para isto, continuou Rey, "o obxectivo é asentar A Coruña como un porto áncora da Sail Training International, principal impulsora da Tall Ships, para garantir a celebración dos futuros eventos náuticos de forma habitual, o que tamén terá un impacto directo na economía e o tecido deportivo da cidade". A Coruña, de feito, xa é a cidade na que recalou a popular regata de veleiros en máis ocasións, con dez estadías. A intención é converter agora a cidade en porto fixo de recalada da cita.

Neste sentido, a alcaldesa fixo balance da estadía da Tall Ships Races Magallanes-Elcano 2023 na Coruña. Entre os días 24 e 27 de agosto, días nos que os grandes veleiros estiveron fondeados no peirao de Transatlánticos e a contorna do Náutico, contabilizáronse 101.054 visitantes, que durante tres xornadas consecutivas puideron acceder ao interior das embarcacións, así como disfrutar dun amplo abano de actividades culturais, deportivas e gastronómicas na contorna do Porto, a Marina e O Parrote. O retorno económico estimado polo Goberno municipal, toda vez a regata dixo adeus á cidade, foi duns oito millóns de euros, capitalizado na súa meirande parte polo sector hostaleiro e da restauración.

"Isto amosa que A Coruña pode e debe aspirar a acoller eventos deportivos a escala internacional. A nosa cidade, aberta ao Atlántico, está situada nun enclave privilexiado e conta coas infraestruturas necesarias para facer valer a nosa tradición náutica", apuntou Inés Rey, que tamén lembrou a importancia que tivo a Tall Ships Races Magallanes-Elcano á hora de estreitar o vencello existente entre A Coruña e países como Uruguai ou México, dúas das nacións que participaron na estadía da regata en costas galegas.

A este respecto, e durante as conferencias en Dunkerque, o director executivo da Tall Ships Races, Paul Bishop, valorou o traballo levado a cabo na Coruña durante o pasado verán para acoller a regata, e subliñou que a cidade herculina foi, en termos de organización, o destino mellor puntuado, por riba de Lisboa, Cádiz e Falmouth (Reino Unido), por exemplo.

Os beneficios de asentarse como porto fixo da Sail Training International

Tras a conferencia, a alcaldesa detallou polo miúdo os aspectos que valorou o Concello con vistas a postularse como porto fixo da Sail Training International (STI), unha iniciativa auspiciada en colaboración coa Asociación Juan de Lángara.

En primeiro lugar, beneficiarse da certeza de acoller eventos como a Tall Ships Races de forma regular e, máis concretamente, cada catro anos, o que tería un impacto directo na economía local. "Pero ademais, que A Coruña sexa un porto fixo da STI tamén posibilitará a creación de sinerxias formativas no eido da náutica, e incentivará a participación das rapazas e rapaces en programas deportivos a escala local, nacional e internacional", destacou a alcaldesa.

Entre os requisitos plantexados pola STI para designar un porto áncora está, por exemplo, o de comprometerse a acoller as regatas da Tall Ships Races de forma regular, nun intervalo a acordar entre as partes implicadas. Tamén se valora, ademais, que a cidade candidata xa acollese con éxito a propia regata, como é o caso da Coruña, onde a Tall Ships Races fixo parada en dez ocasións.

A maiores, outro dos requisitos marcados pola STI é contribuír á formación en vela como unha vía para axudar ao desenvolvemento da mocidade a escala local, "unha iniciativa que o Concello xa puxo en marcha tempo atrás a través de programas como 'O Atlántico parte de ti' e 'Coruña no mar', impulsados desde a Concellaría de Deportes", explicou Inés Rey.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión