Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de abril de 2021

A Coruña, pioneira nas cidades de Galicia do Plan Rexurbe de rehabilitación

A alcaldesa e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuníronse coa veciñanza da Cidade Vella e Pescaría para explicarlles as liñas do Plan Rexurbe. Neste momento, o Concello conta cun inventario de 37 inmobles candidatos a optaren a este plan autonómico. .

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá en María Pita, xunto á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto, as liñas básicas do plan autonómico Área Rexurbe. Trátase dun plan ambicioso de rehabilitación das vivendas da zona centro, segundo Rey, que está acompañado das actuacións de recuperación do espazo público que se puxeron en marcha nos 20 primeiros meses de mandato, cun investimento de dous millóns de euros; como a reforma dos Xardíns de San Carlos, a pavimentación do Parrote, as obras en Nosa Señora do Rosario, as obras na rúa Mantelaría, na casa de Veeduría, a reforma da contorna do mercado de Santo Agostiño, actuacións de carácter urbanístico que axudarán a crear un espazo urbano de calidade. Rey agradeceulle á conselleira o traballo conxunto entre ambas as administracións para pór en marcha este plan de rehabilitación: "Este é un exemplo máis dos froitos que dan o diálogo institucional e a cooperación leal entre administracións neste mandato".

A rexedora destacou que A Coruña foi pioneira na incorporación ao Plan Rexurbe e foi a primeira das cidades de Galicia cando a Xunta a declarou en abril de 2020 a área Rexurbe da Coruña para a Cidade Vella e o eixe Orzán-Panadeiras. Desde ese momento, o Goberno local traballa en colaboración coa Xunta na documentación necesaria para o aprobar e continúa elaborando un plan de dinamización que contará coa participación de todos os axentes implicados na revitalización da zona antiga e recollerá as medidas previstas, o seu custo e o financiamento para levalas a cabo. Ademais, sinalou a alcaldesa, o Concello contactará directamente con aquelas persoas propietarias de edificios susceptibles de entrar no programa co fin de colaborar para mellorar a zona histórica. Neste momento, o Concello conta cun inventario de 37 inmobles candidatos a optaren a este Plan Rexurbe.

Durante a xuntanza coa veciñanza e coas/cos comerciantes da Cidade Vella e Pescaría-Orzán, a alcaldesa sinalou que o obxectivo do plan Rexurbe é recuperar zonas e inmobles degradados: "Esta presentación é un paso máis dos que leva dados A Coruña dentro deste proxecto co que buscamos a definitiva rexeneración arquitectónica, económica e social dos ámbitos máis degradados da nosa zona histórica".

A alcaldesa quixo subliñar o compromiso do Goberno local coa rehabilitación: "Somos un goberno comprometido coa rehabilitación, entendendo a rehabilitación como unha actividade cun elevado valor engadido, xeradora de gran cantidade de postos de traballo cualificado, ao primar o mantemento fronte á demolición e a nova construción", e engadiu que o fomento do emprego e a sustentabilidade do sistema produtivo son claves do crecemento económico que desexa para A Coruña.

O Goberno municipal non só está a traballar nesta liña de mellora e recuperación do ámbito histórico da cidade. Rey explicoulles ás veciñas e veciños que, no eido da rehabilitación, o pasado mes de decembro o seu executivo lanzou unhas novas axudas para rehabilitar e mellorar a accesibilidade, dun orzamento total de case 3 millóns de euros: "En materia de vivenda, desbloqueamos a execución do edificio de vivenda pública municipal da Rúa Marqués de Pontejos, que suporá a rexeneración urbana dun espazo fortemente degradado e a consecución de cinco vivendas municipais e dous locais comerciais".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión