Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de outubro de 2026

A Coruña rende homenaxe a Ferenc Szabó no V Trofeo Internacional de halterofilia, que se celebra este sábado na cidade

A competición reunirá nos Rosales a deportistas de España e de distintos países europeos nunha cita que combina deporte de base e alto nivel

O Polideportivo Municipal dos Rosales será este sábado 10 de outubro o escenario do V Trofeo Internacional Ferenc Szabó de halterofilia, unha competición organizada polo Club Halterofilia Coruña que reunirá na cidade a deportistas de España e de distintos países europeos nunha xornada dedicada tanto ao deporte de base como á competición internacional de máximo nivel.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou a importancia dunha cita que consolida a Coruña como sede de eventos deportivos de alcance internacional. "O Goberno de Inés Rey continúa apoiando competicións que contribúen a promover o deporte entre a mocidade e que, ao mesmo tempo, proxectan a imaxe da cidade a nivel estatal e internacional. Este trofeo é xa unha referencia para a halterofilia galega e un escaparate do excelente momento que vive esta disciplina", sinalou o edil.

O Trofeo Internacional Ferenc Szabó leva o nome dunha das persoas máis relevantes na historia recente da halterofilia da cidade. Chegado á Coruña en 1991, o técnico húngaro dedicou máis de tres décadas á formación de deportistas e ao desenvolvemento desta disciplina, converténdose nun referente para o Club Halterofilia Coruña, a halterofilia galega e o conxunto do panorama estatal. A súa traxectoria está vinculada á formación de varias xeracións de atletas que acadaron títulos e medallas en campionatos de España, Europa e do mundo. Na actualidade preside a Escola Nacional de Adestradores de Halterofilia e, este mesmo ano, foi recoñecido pola Real Federación Española de Halterofilia coa Insignia Olímpica por toda unha vida dedicada á formación deportiva. O Concello da Coruña mantén a súa colaboración co Club Halterofilia Coruña na organización desta cita, dentro da aposta do Goberno de Inés Rey pola promoción do deporte base e o apoio ás entidades deportivas da cidade.

A competición forma parte do programa de actividades promovido polo Club Halterofilia Coruña para fomentar o deporte de base e o desenvolvemento de novos talentos nesta modalidade e conta co apoio do Concello da Coruña. A programación dividirase en dúas sesións. Pola mañá celebrarase o Criterium de Promesas Ferenc Szabó, no que participarán arredor de 60 deportistas das categorías sub-15 e sub-17, tanto masculinas como femininas, procedentes de distintos clubs galegos. A primeira tanda comezará ás 9.30 horas coa participación dos deportistas masculinos, mentres que ás 11.30 horas competirán as categorías femininas. A entrega de trofeos da Copa Promesas terá lugar ás 13.00 horas.

Competición internacional con representación de varios países europeos

Pola tarde será a quenda do Trofeo Internacional Ferenc Szabó, no que participarán once equipos procedentes de Galicia, doutras comunidades autónomas e de países como Alemaña, Hungría, Italia, Malta e o Reino Unido. Entre os conxuntos participantes figuran os clubs Urbis (Biscaia), CDUS (Salamanca), CH Cambre, St Birinus (Gran Bretaña), unha selección de Budapest, unha selección de Malta, un equipo de Parma (Italia), a selección galega e os combinados A e B do Club Halterofilia Coruña.

A primeira tanda da competición internacional disputarase ás 16.00 horas e a segunda ás 18.00 horas. A entrega de premios está prevista para as 19.30 horas. A cita contará ademais coa presenza de deportistas destacados do panorama internacional, entre eles as levantadoras do Club Halterofilia Coruña Paula Canedo, subcampioa de Europa sub-15; Digna Silo, subcampioa de Europa sub-15; e Ruth Fuentefría, subcampioa do mundo sub-17. Tamén competirán a atleta do CH Cambre Eduarda Souza, medallista en campionatos panamericanos, e a italiana Lavina Magistris, medallista europea sub-17.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión