Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de febreiro de 2018

A Coruña revalida a súa aposta polo Eixo Atlántico como instrumento de cooperación das cidades de Galicia e o norte de Portugal

O alcalde, Xulio Ferreiro, asistiu esta xornada á xuntanza da Asemblea Xeral do ente, que tivo lugar na localidade portuguesa de Maia, e na que quedou revalidado como membro da executiva

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou este venres na Asemblea xeral ordinaria do Eixo Atlántico, entidade da que forma parte o Concello e que se centra na colaboración e promoción dos municipios da denominada Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Na xuntanza, que tivo lugar na cidade portuguesa de Maia, en Portugal, o organismo deu o visto e prace ao programa e orzamento anual do ente, que ascende a 4.652.722 euros, e procedeu á elección da nova Comisión Executiva, que foi reelixida por unanimidade, e na que o alcalde coruñés seguirá a ocupar o cargo de vogal. Tal e como destacou Ferreiro, "é unha boa nova que A Coruña conte cun papel estratéxico e reforce a súa presenza no Eixo". "O goberno local cree firmemente na cooperación e na colaboración entre municipios como ferramenta para avanzar na implementación de políticas transformadoras. Hoxe referendamos o noso compromiso por traballar, en común, no impulso de Galicia e do Norte de Portugal", sinalou. O rexedor tamén salientou o papel da cidade "como referente" no marco do ente transfronteirizo, ao acoller o vindeiro mes de marzo o acto de lanzamento do plan de acción co que se materializará a Axenda Urbana do Eixo Atlántico e que contará coa participación de representantes políticos e expertos e expertas en políticas urbanas de Galicia, Portugal, España e a Unión Europea.

Entre os principais acordos acadados esta mañá, sitúanse a aprobación dun segundo paquete de infraestruturas que complemente a liña do Minho, xa en obras ou en proceso de contratación con prazo de finalización contra o último trimestre de 2019, e as conexións pendentes na parte galega. A este respecto, o paquete prioriza a conexión Ferrol - A Coruña, a máis atrasada e con peores perspectivas de todo o eixo atlántico ferroviario, e as conexións ferroviarias dos portos, como eixos principais en Galicia que complementen a saída sur de Vigo, Ourense-Lugo e Monforte-Palencia, sobre os cales a entidade transfronteiriza xa está a traballar, con ambos ministerios, desde hai máis dun ano.

A Asemblea, que se pechou cunha intervención do ministro de Medio Ambiente portugués, Joao Pedro Matos Fernandes, tamén acordou, a través da aprobación do programa anual, impulsar a política de cohesión no ámbito europeo a través da Rede C4C da que forma parte a entidade; a adecuación e mellora do Camiño Portugués de Santiago e unha acción concertada co Goberno para loitar contra os incendios; ou promover, a través da Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas (RIET), a elaboración dun novo tratado de cooperación bilateral entre España e Portugal que constitúa un novo marco xuríco para impulsar a cooperación.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión