Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de outubro de 2021

A Coruña terá unha conexión directa con París desde Alvedro a partir de decembro

A alcaldesa Inés Rey destaca o traballo do goberno para “conseguir que A Coruña volva a despegar a nivel turístico e económico”. A Xunta de Goberno Local aprobou a contratación da humanización da rúa Severo Ochoa e a licenza para a construción de 59 vivendas no esqueleto da Rolda de Nelle

A Coruña estará unida con París de maneira directa por vía aérea durante os próximos meses. Así o anunciou a alcaldesa Inés Rey tras a xuntanza da XGL desta mañá. Deste modo, o aeroporto de Alvedro contará coa súa primeira conexión internacional tras a pandemia.

"Creo que é unha moi boa noticia e un sinal de que estamos a traballar no bo camiño para conseguir que A Coruña volva despegar a nivel turístico e económico", sinalou Inés Rey na rolda de prensa posterior á XGL. A compañía Vueling, que estrea esta ruta por primeira vez na súa historia, será a encargada de operar esta nova liña en Alvedro con 24 voos.

Esta conexión co aeroporto de París Orly estará dispoñible de decembro a marzo, en concreto os días 18, 23, 27 e 30 de decembro, 3 e 5 de xaneiro, 19, 22 e 26 de febreiro, 1, 5 e 8 de marzo. Os voos estarán á venda a partir de mañá en todas as canles de Vueling.

Humanización e reurbanización da rúa Severo Ochoa no polígono da Grela

A Xunta de Goberno local aprobou hoxe a contratación da Humanización e reurbanización da rúa Severo Ochoa no polígono da Grela, unha obra incluída na estratexia DUSI na que se investirán un millón de euros que será financiada nun 80% con fondos FEDER. O ámbito de actuación será o comprendido entre a rotonda da rúa Newton e a rúa Galileo Galilei.

A alcaldesa destacou que a obra que ten un prazo de execución de 12 meses, ten como obxectivo "a mellora ambiental de toda a zona a través de diversas accións vinculadas á creación de espazos verdes e da mellora da mobilidade. Trátase de humanizar, mellorar a mobilidade e reducir a contaminación ambiental e sonora desta vía".

O proxecto consiste en axustar o ancho dos carrís e o tamaño da calzada para conseguir unha mediana arborizada, carril bici  bidireccional nun dos seus laterais e beirarrúas accesibles. Implantaranse 131 prazas de estacionamento en batería, 40 prazas máis que as existentes na actualidade que son en liña e plántanse 40 novas árbores. O carril bici será coloreado nos puntos de cruzamento con outras mobilidades como todos os que se implantaron neste mandato para mellorar a súa visibilidade e seguridade.

Esqueleto Rolda de Nelle

O Goberno aprobou tamén a adaptación á legalidade do esqueleto da Rolda de Nelle para a construír 59 vivendas, locais comerciais e 120 prazas de garaxe. Inés Rey subliñou a importancia desta actuación na loita contra o feísmo na cidade, "esta actuación permitirá  rematar cun dos símbolos do feísmo urbanístico na cidade, ademais de supoñer unha gran mellora a nivel estético e de seguridade. Unha actuación relevante que non será a única posto que xa estamos actuando para adaptar á legalidade outros esqueletos". 

Talón Restaurante

No apartado de benestar social a Xunta de Goberno autorizou o Programa Municipal Talón Restaurante 2021 cun importe de 600.000 euros. A alcaldesa sinalou que este programa "é unha mostra máis do noso compromiso con mellorar as condicións de vida das persoas que se atopan en situación de dificultade". Esta actuación ten como obxectivo favorecer a prevención e a promoción da autonomía persoal e os hábitos saudables entre as persoas beneficiarias, e garante mediante a axuda que se concede que as persoas usuarias sigan unha dieta equilibrada a través da participación dos establecementos hostaleiros adheridos ao programa.  Na actualidade benefícianse deste programa cerca de 600 persoas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión