Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de xullo de 2022

O Concello da Coruña programou actividades culturais na Cidade Vella entre os días 21 e 25 de xullo

A Coruña volve á Idade Media coa XXVII edición da Feira das Marabillas

O 25 de xullo terá lugar a representación da obra lorquiana “La casa de Bernarda Alba”, da compañía Noite Bohemia

A Cidade Vella volverá esta fin de semana á Idade Media coa realización da tradicional Feira das Marabillas, que terá lugar entre os días 21 e 25 de xullo. Nesta XXVII edición, o Concello da Coruña programou varias actividades culturais que se levarán a cabo entre os muros do centro histórico.

A Feira das Marabillas ten a súa orixe no ano 1502, tras un grande incendio no que familias e comerciantes da agora Cidade Vella sufriron moitas perdas. De forma conxunta solicitáronlle axuda á Coroa de Castela, que lles concedeu o privilexio de realizar unha Feira Franca anual. Dende o 1993 retomouse esta feira, co obxectivo de poñer en valor o patrimonio histórico e cultural da cidade.

A Feira das Marabillas comezará mañá xoves 21 ás 12.00 h cun acto inaugural na Praza de Azcárraga no que estará presente a alcaldesa, Inés Rey, e cun pregón e actuación a cargo da compañía "La troupete del Luisete". A tarde continuará cunha programación chea de actividades musicais, recreacións medievais e espectáculos de acrobacias así como de animación polas rúas e prazas da Cidade Vella, que se estenderán ata o remate da feira o 25 de xullo. Ademais, ás 21.00 h, terá lugar un encontro coa música medieval na igrexa de Santiago, no que os coruñeses e coruñesas se poderán achegar a descubrir os instrumentos clásicos da cidade. A velada correrá a cargo da polifónica coruñesa "Canticorum", que tocará varias pezas musicais para amenizar o primeiro día de feira.

Tras a inauguración da Feira das Marabillas, ás 13.30h terá lugar a apertura do Recuncho das Pícaras, un espazo lúdico infantil na praza de María Pita que estará presente durante toda a feira. Este será un lugar de seguridade para as nenas e os nenos, con espectáculos e actividades infantís gratuítas e atraccións para que as/os máis pequenos gocen da celebración dun xeito especial. O pregón infantil será a cargo de Bosque Encantado.

Ademais das actividades programadas polas rúas, o Concello da Coruña organizou unha exposición permanente titulada "Envíame unha postal", na que se recollen negativos de García Garrabella con imaxes das provincias da Coruña e Lugo. Entre elas atópanse imaxes da Coruña en tempos anteriores, imaxes históricas de monumentos como o Obelisco ou a praza de María Pita.

A exposición terá lugar no Arquivo do Reino de Galiza, con acceso dende o pasadizo da rúa de San Carlos e entrada de balde ata completar a capacidade. O horario de visita de mañá é de 11.00 a 14.00 h todos os días, e pola tarde de 16.30 h a 19.30 h o xoves 21, de 16.30 h a 18.00 h o venres 22 e de 17.00 h a 20.00 h o sábado e domingo. Ao remate da feira, a exposición permanecerá aberta ata o 31 de xullo.

"La casa de Bernarda Alba", da Compañía Noite Bohemia

A Feira das Marabillas rematará coa representación teatral de "La Casa de Bernarda Alba", unha das pezas máis laureadas do teatro español. A adaptación da obra lorquiana correrá a cargo da compañía Noite Bohemia, que representará este drama familiar no emblemático espazo da Colexiata de Santa María ás 21.00 h. Ten un tempo previsto de duración de 75 minutos e a entrada é libre ata completar a capacidade, por rigorosa hora de chegada.

A compañía Noite Bohemia xa leva realizadas 3 representacións teatrais neste mes. "El acero de Madrid" de Lope de Vega e "Bacantes" e "Troyanas" de Eurípides foron as obras representadas pola compañía, na praza de Azcárraga, Castro de Elvilla e Castelo de San Antón respectivamente. Unha forma diferente de achegar o teatro á cidadanía, poñendo en valor os espazos históricos da cidade e convertendo A Coruña no mellor escenario cultural e teatral.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión