Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de novembro de 2020

A factura Covid suporalle ao Concello un desembolso de 20 millóns de euros

A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que entre os 16,5 millóns de gastos relacionados directamente coa pandemia máis a suba doutros ordinarios e a redución de ingresos por suspensión de cobros, o investimento deste concello na crise sanitaria será o maior que se realizara desde María Pita en décadas Rey amosou a súa preocupación polas reunións que se produciron esta fin de semana entre persoas non conviventes: “Se non acatamos estas normas que se impoñen, será moi difícil controlar estes datos”

A alcaldesa, Inés Rey, asegurou esta mañá que a factura Covid suporalle ao Concello un desembolso económico de preto de 20 millóns de euros. Desde o primeiro estado de alarma, o Goberno local aprobou 1.341 resolucións e decretos de emerxencia vinculados á xestión e a gastos extraordinarios por causa da pandemia xunto ás actuacións que se cargaron aos orzamentos ordinarios como os fondos da renda social e axudas de emerxencia xa operativas, mais que tiveron un incremento da súa demanda nestes meses. Ademais, inclúense nesta estimación os 13,2 millóns de euros do Plan de reactivación económica e social (PRESCO) en que o Concello determinou importantes medidas de rescate para os sectores máis afectados.

Das 1.341 resolucións que se resolveron desde Alcaldía e a Xunta de Goberno Local, Rey sinalou que máis de cen atenderon á modificación de normativas "de cara a organizarmos a cidade con recursos materiais e humanos". Aquí están os decretos de terrazas, limitación do transporte urbano, teletraballo, voluntariado, atención presencial ou telemática ou os de cambios nos prazos tributarios. O resto corresponden a contratos e a axudas de emerxencia decretadas por distintas causas máis a tramitación doutras subvencións. No referente a axudas de emerxencia social extraordinaria figuran un total de 365 pagos por un valor de 123.280 euros, sen contar coas que se tramitaron por vía ordinaria.

Entre os investimentos máis importantes destaca o dispositivo de Riazor para acoller persoas sen fogar, que supuxo un desembolso próximo aos 400.000 euros e os máis de 20 convenios para adquirir material de protección (máscaras, luvas, EPIS, hidroxel...) que superan os 180.000 euros. Pola vía de urxencia, asináronse 18 contratos para desinfectar instalacións municipais que superaron os 130.000 euros. Dentro das medidas de emerxencia están tamén os preto de 400.000 euros que se destinaron de xeito regular á rede de Escolas Infantís Municipais para que as e os traballadores das concesionarias percibisen igualmente os seus salarios pese ao peche do servizo durante meses.

O valor total dos contratos asinados pola vía de emerxencia desde o inicio da pandemia ascende a 3.442.378 euros e o total de convenios que están directamente relacionados coa pandemia, isto é, os de emerxencia e os enmarcados no PRESCO, suman un desembolso de 16.500.000 euros. Se o comparamos cos grandes investimentos dos anteriores mandatos, o concello destinou en 2007-2011 un total de 14 millóns para a construción do Centro Ágora; en 2011-2015, 12 millóns de euros foron para o túnel da Mariña e no anterior goberno, de 2015-2019, o maior investimento corresponde aos 8 millóns da cuberta do estadio de Riazor, xusto a metade do que leva empregado esta executiva en políticas relacionadas co virus. É máis, os gastos da pandemia supoñen o maior investimento puntual do concello en décadas.

Máis alá dos termos económicos, a situación actual provocou un cambio nas prioridades do persoal municipal para lle dedicar máis esforzos a xestionar os efectos da Covid. Nesta crise sanitaria, non se computa só o gasto extraordinario realizado polo Concello, senón tamén a diminución de ingresos vinculados ao cesamento de actividade. A suspensión do cobro das licenzas de terrazas implica, por exemplo, que o Concello deixará de recibir máis de 300.000 euros (150.000 euros anuais). A isto haberá que sumarlle posibles desembolsos extraordinarios para as firmas concesionarias que soliciten un reequilibrio económico pola suspensión do servizo.

Entre os gastos vinculados directamente coa pandemia (16,5 millóns), o incremento de gastos ordinarios doutras partidas, principalmente de Benestar Social, e a redución de ingresos pola suspensións de cobros, a factura da Covid-19 ascende aos 20 millóns de euros, unha factura que recae case íntegra sobre a Administración local, xa que o Concello está actuando en moitos ámbitos que non lle compete sen que a Xunta lle compense dalgún xeito por este tipo de actuacións ou habilite liñas de apoio que reduzan o impacto nas contas municipais.

REUNIÓNS ENTRE PERSOAS NON CONVIVENTES

Sobre as reunións que se produciron esta fin de semana ao aire libre de grupos de persoas non conviventes na Coruña e na súa área metropolitana, Rey asegura que lle preocupa como alcaldesa, pero, sobre todo, como cidadá: "Estamos pasando unha crise sanitaria gravísima e tomáronse unha serie de medidas. Sei que é complicado a nivel social, persoal e económico, pero se non acatamos estas normas que se impoñen, será moi difícil controlar estes datos".

A rexedora engadiu que temos que ser moi rigorosos e realizou un chamamento á responsabilidade individual para que as e os coruñeses fagan un esforzo e poidamos controlar a pandemia e termos un Nadal o máis normal posible: "Non podemos poñer un policía por persoa, nin un policía en cada fogar, polo que aínda que a maioría cumpre, insisto na responsabilidade que temos como cidadás e cidadáns".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión