Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de decembro de 2020

A Fundación Emalcsa impulsa a inclusión social a través do deporte, cun investimento de 250.000 euros para 23 entidades da cidade

Asináronse esta mañá en María Pita os convenios da sétima convocatoria do programa “Deporte Solidario e Inclusivo”

María Pita acolleu esta mañá a sinatura dos convenios coas entidades deportivas seleccionadas na VII convocatoria de "Deporte Solidario e Inclusivo", promovida pola Fundación EMALCSA para impulsar a inclusión social a través do deporte. O acto contou coa presenza da alcaldesa e presidenta da Fundación Emalcsa, Inés Rey, da súa vicepresidenta, Yoya Neira, da concelleira de Deportes, Mónica Martínez, do director da Fundación Emalcsa, Manuel Aguilar, e do director de comunicación de Gadisa, José Luis Fernández, así como das persoas representantes das entidades.

A fundación subvenciona o desenvolvemento de 23 proxectos que teñen como obxectivo fomentaren o deporte para a integración de colectivos en risco ou en situación de exclusión social. En total, destínanse 250.000 euros a 23 entidades que lles dan emprego a 312 traballadoras/es e mobilizan a 372 persoas voluntarias.

A alcaldesa, Inés Rey, asegurou que este programa "manifesta o noso compromiso e o da fundación coa igualdade de oportunidades, coa integración social e o fomento do deporte base, e no contexto que estamos a vivir pola pandemia serve para mitigar o impacto negativo da crise económica no tecido social e deportivo da cidade".

Antonio Dubra, en representación das entidades, agradeceulle ao concello o seu labor na inclusión das persoas vulnerables, mentres que o director de Comunicación de Gadisa, José Luis Fernández, destacou o carácter solidario das coruñesas e dos coruñeses e deulles os parabéns ás 23 entidade elixidas e á Fundación Emalcsa pola a súa implicación e profesionalidade no desenvolvemento do programa.

Esta convocatoria mantén a vocación do programa de lle dar prioridade á dimensión social e inclusiva das iniciativas presentadas e, por iso, valora a creación de vínculos con entidades especializadas na atención a colectivos vulnerables.

O obxectivo global de beneficiarios da convocatoria supera as 11.000 persoas beneficiarias, de acordo coas estimacións presentadas polas entidades para os seus proxectos correspondentes. Nesta cifra, inclúese a oferta de máis de 290 prazas para gozar de forma gratuíta de diversas actividades deportivas, destinadas principalmente a nenas e nenos derivados polos profesionais vinculados aos Servizos Sociais Municipais. Para levaren a cabo os proxectos, as entidades deportivas contarán coa colaboración de organizacións sociais especializadas na atención dos colectivos beneficiarios dos proxectos.

Con esta convocatoria, o investimento total do programa "Deporte Solidario e Inclusivo", que conta coa colaboración de Gadisa para o impulsar e desenvolver, ascende desde que foi creado a 1.750.000 euros.

As entidades subvencionadas son:

Asociación Cultural Alquimia Inline

Club Torre S.D.

Clun Natación Coruña

Agrupación de Montañeros Independientes

Club Escuela de Tenis Marineda

Orillamar Sociedad Deportiva

Club Halterofilia Coruña

Unión Vecinal Ventorrillo

Club Zalaeta 100 Tolos

Club de Rugby Arquitectura Técnica

Club del Mar San Amaro

Club Eirís Sociedad Deportiva

Club Esgrima Coruña

Real Sociedad Deportiva Hípica de A Coruña

Athlétic Coruña Hóckey Club

Real Club Náutico de A Coruña

Spórting Club Casino de A Coruña

Sociedad Deportiva As Xubias

Club Maristas

Club de Ximnasia Rítmica María Barbeito

Club Marítimo de Oza

Escuela de Fútbol de Novo Mesoiro.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión