Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de outubro de 2022

A Fundación Luis Seoane acollerá, desde o 3 de novembro, unha mostra que percorre a historia de tres pioneiras da fotografía na axencia Magnum

A exposición, promovida polo Centro Niemeyer de Avilés co apoio do Concello, recolle a obra de mulleres como Cristina García Rodero, primeira española en traballar para a axencia fundada por Capa e Cartier-Bresson

A Fundación Luis Seoane abrirá as súas portas o vindeiro xoves 3 de novembro á mostra 'Tres mulleres Magnum: Eve Arnold, Inge Morath e Cristina García Rodero', que lle achegará á cidadanía o percorrido e traxectoria de tres destacadas pioneiras da fotografía na historia da axencia Magnum, fundada no ano 1947 por prestixiosos profesionais do gremio como Robert Capa, Henri Cartier-Bresson, Maria Eisner e Rita Vandivert, entre outros.

A exposición, producida polo Centro Niemeyer de Avilés en colaboración coa propia axencia e Contacto Grupo Europa Press, conta co apoio do Concello da Coruña e, en paralelo, do Instituto Asturiano de la Mujer, Fundación EDP, Ariexca e Universidade de Oviedo, e a Deputación de Valencia.

Desta forma e ata o día 15 de xaneiro de 2023, o público asistente poderá achegarse polo miúdo á historia da primeira muller que ingresou na axencia Magnum. Foi a norteamericana Eve Arnold (Filadelfia, Estados Unidos; 1912), que desde o ano 1951 e a través do seu obxectivo amosou os cambios sociais experimentados pola sociedade dos Estados Unidos da época, así como unha ollada nova sobre o mundo do cinema, máis afastada da perspectiva hollywoodense e próxima á vida diaria de figuras da sétima arte como Marilyn Monroe, Paul Newman e Marlene Dietrich.

Tras Arnold, incorporouse á axencia Magnum a austríaca-estadounidense Inge Morath (Graz, Austria; 1923), discípula de Cartier-Bresson e que, ao igual que Arnold, mantivo unha especial relación co cinema e un dramaturgo como Arthur Miller. A súa obra recolle, ademais, persoeiros como Yves Saint Laurent ou Ingrid Bergman, pero tamén amosa a súa sensibilidade a pé de rúa, con persoas anónimas das rúas en cidades como Londres e Teherán, que enchen de vida as súas imaxes.

A exposición 'Tres mulleres Magnum: Eve Arnold, Inge Morath e Cristina García Rodero' achega, ademais, o traballo da primeira fotógrafa española na axencia Magnum. Cristina García Rodero (Puertollano, Ciudad Real; 1949), comezou a percorrer o país na década dos setenta co obxectivo de recoller, en imaxes, as súas festas, costumes populares, ritos e supersticións. Condensou este traballo na obra 'La España oculta', e deulle continuidade a este concepto, a escala global, viaxando por Europa do Leste, Haití, A India ou Etiopía, plasmando tamén en fotografías as tradicións e rituais locais.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión