Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de novembro de 2020

A nova imaxe da rúa Victoria Fernández España conta xa coa escultura de Isabel Zendal

A alcaldesa participou esta tarde na inauguración da peza inspirada na figura da primeira enfermeira no mundo que participou nunha expedición sanitaria internacional, unha obra de Francisco Escudero doada polo Club de Leones Decano La Coruña A homenaxe sitúase na vía que se abriu hoxe tras a súa peonalización para recuperar espazos públicos para a veciñanza

A alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, inauguraron esta tarde xunto a outros membros da Corporación a escultura de Isabel Zendal na rúa Victoria Fernández España, que se abriu hoxe tras a súa peanolización cun acto en que tamén participou Cristina Naveira Abeigón, presidenta do Club de Leones Decano La Coruña. A institución encargoulle a peza a Francisco Escudero para homenaxear así á primeira enfermeira no mundo que participou nunha expedición sanitaria internacional. Rey afirmou que esta imaxe recordaranos que "houbo unha ocasión na que, desde A Coruña, coa valentía e a determinación dunha muller, como tantas, coidando dos máis cativos, unha expedición científica aportou á saúde pública un dos seus fitos históricos máis relevantes".

A rexedora sinalou que "a busca actual das diversas tipoloxías de vacinas fronte á COVID-19 non dista tanto do esforzo de Isabel Zendal ao coidado deses cativos cos que viaxou" para se converter na orixe da erradicación dunha enfermidade daquela tanto ou máis letal que a que causa este coronavirus. A alcaldesa lembrou que o busto desta muller valente poderase desfrutar "nunha rúa á que lle dá nome outra muller igual de valente, Victoria Fernández España, que defendeu a golpe de pluma e coa súa voz a cultura e a lingua galegas".

Ambas as coruñesas teñen unha lembranza na rúa en que a cidadanía recupera espazo para o seu goce e convivencia grazas a unha actuación que se enmarca dentro da Estratexia EidusCoruña, que está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do eixe de desenvolvemento urbano do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020.

Rey engadiu que tras os traballos, esta vía estrea mobiliario e metros cadrados "para que a transitemos a pé e non en coche" e que, dalgún xeito, simboliza ao que quere este Goberno local para A Coruña: "Espazos que contribúan a mellorar a nosa percepción da cidade e xeren escenarios nos que se constrúa a interacción social plural". Trátase de ofrecer unha mobilidade cada vez máis sustentable en termos ambientais, que potencie os desprazamentos andando, en bicicleta e en transporte colectivo e que reserve o vehículo privado para os lugares e os traxectos que o fagan compatible cunha cidade respectuosa coas persoas.

Pola súa parte, a responsable do Club de Leones Decano La Coruña, Cristina Naveira, agradeceulles a todas as entidades colaboradoras a súa contribución para que a iniciativa se realizase e destacou que a figura "entregada" de Zendal recordaranos que renderse non é unha opción e que as novas enfermidades serven de estímulo para a investigación.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión