9 de outubro de 2026
O Teatro Colón acollerá tres dos grandes concertos da formación, incluíndo a xira galega da ‘Novena Sinfonía’ de Beethoven e un novo ciclo de Concertos contados
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou hoxe no Teatro Colón na presentación da 18ª tempada da Orquesta Gaos, unha programación que combinará grandes obras do repertorio clásico, propostas divulgativas e iniciativas de apoio ás novas xeracións de intérpretes. O Concello da Coruña colabora un ano máis coa actividade da formación, reafirmando o apoio do Goberno municipal á programación musical estable e aos proxectos que contribúen ao dinamismo cultural da cidade.
A nova tempada terá como principal novidade os Concertos contados, un formato que se converte no eixo vertebrador da programación da orquestra. A través desta proposta, a pianista e divulgadora Andrea Vilar acompañará ao público na escoita das obras, ofrecendo contexto histórico, claves de interpretación e conexións coa literatura, o cine e outras disciplinas artísticas.
Durante a presentación, Gonzalo Castro destacou a importancia do labor desenvolvido pola formación ao longo dos seus dezasete anos de traxectoria. "A Orquesta Gaos é unha das grandes embaixadoras culturais da Coruña e un exemplo de como a música clásica pode chegar a públicos diversos sen renunciar á excelencia artística", sinalou o edil.
Tres grandes citas no Teatro Colón
A programación da tempada inclúe varias actuacións na Coruña, con presenza destacada no Teatro Colón. Entre elas figura Novos intérpretes, previsto para o 28 de febreiro de 2027, un concerto protagonizado polos gañadores do primeiro concurso de novos solistas promovido pola Orquesta Gaos.
Outro dos momentos centrais da tempada chegará os días 17, 18, 24 e 25 de abril coa xira galega da 'Novena Sinfonía' de Beethoven, unha produción que percorrerá Cambados, A Coruña, Mondoñedo e Carballo coincidindo co bicentenario da morte do compositor alemán. O concerto do Teatro Colón terá lugar o 18 de abril e reunirá á Orquesta Gaos, ao Coro Gaos e aos solistas Ruth Terán, Julia Merino, Pancho Corujo e Borja Quiza.
A tempada concluirá en xuño con 'Diálogos con Abe Rábade', un encontro entre a orquestra e o recoñecido pianista galego que explorará repertorios inspirados na música americana e noutras linguaxes habitualmente afastadas do ámbito sinfónico. O concerto celebrarase no Teatro Colón o 27 de xuño.
Compromiso coa formación e os novos talentos
Entre as novidades destaca tamén a creación do I Concurso Orquesta Gaos de novos solistas, dirixido a intérpretes de ata 18 anos. A fase final celebrarase na Coruña o 28 de novembro e permitirá ás persoas gañadoras actuar como solistas coa formación e realizar unha gravación profesional. Castro subliñou que esta iniciativa "reforza unha das grandes fortalezas da Orquesta Gaos, que é o seu compromiso coa formación e coa promoción do talento musical emerxente de Galicia".
Fundada en 2009, a Orquesta Gaos desenvolveu máis dun centenar de concertos dentro e fóra de Galicia e reúne cada tempada arredor de 20.000 espectadores. Ademais, mantén unha intensa actividade de formación e divulgación musical, así como colaboracións con artistas de diferentes estilos e disciplinas.

10 de novembro de 2026

2 de novembro de 2026

22 de outubro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible