11 de marzo de 2025
As entradas para este concerto que promove o Concello xa están á venda
A Orquestra Gaos regresará ao Teatro Colón o vindeiro domingo 23 de marzo, ás 19.30 horas, na primeira das súas actuacións deste 2025 neste emblemático recinto municipal. A formación presentará un concerto cunha novidosa sesión introdutoria, co obxectivo de achegarse máis ao seu público.
A través das obras de Dvorak e Smetana, a Orquestra Gaos explorará como o concepto de nacionalismo na música segue influíndo na visión do mundo de hoxe en día. "Desde o Goberno de Inés Rey continuamos estreitando vínculos con esta formación, que forma parte por méritos propios da programación cultural da Coruña desde hai moitos anos e constitúe unha oportunidade única de lle achegar á cidadanía a máis alta calidade musical", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
A formación estará acompañada, nesta ocasión, por Raúl Mirás como solista. O coruñés é o actual violonchelo principal da Orquestra Sinfónica de Galicia. Natural da Coruña, comeza a súa formación con Ilia Keilin. Gradúase en Musikene con Asier Polo e posteriormente realiza estudos de máster na Musik-Akademie Basel con Thomas Demenga e na Hochschule für Musik Rostock con Julian Steckel. A súa formación como músico de cámara supón unha grande influencia para el; traballou con mestres como Rainer Schmidt, Walter Levin, Sergio Azzolini ou Anton Kernjak e estudou cuarteto de corda con Natasha Prishepenko na Universität der Künste Berlin.
A súa carreira como solista levouno á fronte de orquestras como a Sinfónica de Tenerife, Orquestra Gaos, Sinfónica de Musikene, FRSinfonieorchester Rostock ou a Nova Orquestra de Asturias, onde interpretou os concertos de A. Dvorak, E. Elgar, D. Schostakovich ou o Don Quixote de R. Strauss.
As entradas para este concerto xa están á venda en Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense, a un prezo que parte dos 6,8 euros. O día da actuación, ademais, habilitarase o propio despacho de billetes do Teatro Colón no caso de quedaren localidades á venda.
21 de marzo de 2025
19 de marzo de 2025
15 de marzo de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible