Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de agosto de 2022

A Orquestra Sinfónica de Galicia abre o sábado o ciclo de concertos da Semana Clásica

A Orquestra de Cámara Galega, a Orquestra Gaos, a Banda Municipal con Serafín Zubiri e a coral polifónica El Eco completan o programa previsto para María Pita

A Orquestra Sinfónica de Galicia abrirá este sábado o ciclo de concertos da Semana Clásica, que se prolongará ata o día 26 coas actuacións na praza de María Pita da Orquestra de Cámara Galega, a Orquestra Gaos, a Banda Municipal e a coral polifónica El Eco.

Tal como é tradicional, a música clásica volve a María Pita durante o mes de agosto e dentro da programación das festas deseñada polo Goberno de Inés Rey. Desta maneira, a OSG dáse cita de novo cos coruñeses e coruñesas e cos visitantes que durante este mes acoden á cidade.

Será a Orquestra Sinfónica a que abra o ciclo de concertos incluídos dentro da Semana Clásica. José Trigueros, director asociado da formación que acaba de renovar por outros tres anos e percusionista principal da OSG desde hai vinte anos, estará á fronte da orquestra este sábado, a partir das 21.00 horas na praza de María Pita.

Baixo o título de "Imprescindibles", a OSG ofrecerá unha selección do repertorio da próxima tempada, nun programa de carácter eminentemente popular e que inclúe obras moi coñecidas e recoñecidas, como "O Moldava" de Smetana, as "Variacións Enigma" de Elgar, o 4º movemento da "Sétima Sinfonía" de Beethoven e unha selección de temas célebres de Tchaikovsky e Brahms.

O día 21, domingo, será a Banda Municipal a que presentará "Homenaxe a Nino Bravo", coa participación do cantante Serafín Zubiri lembrando a unha das grandes voces da canción española. A Banda Municipal únese así ao cantante Serafín Zubiri para renderlle unha homenaxe a Nino Bravo e lembrar o seu legado, formado por cinco discos e 58 temas, antes de morrer de forma prematura. Cunha excelente adaptación orquestral, o domingo, a partir das 21.00 horas, interpretarán preto dunha vintena de temas do cantante valenciano, coa voz de Zubiri e o seu virtuosismo ao piano.

O día 22, tamén ás 21.00 horas, será a quenda da Orquestra de Cámara Galega, que presentará "Música desde o Atlántico", coa que quere recoller algún dos sons da man de creadores do Atlántico, de Brasil, Arxentina, Reino Unido ou Galicia, entre os que se atopa o prolífico compositor galego Rogelio Groba.

O martes 23 o Coro Gaos, o Coro Gaos Xove e os 'minigaos', acompañados da Orquestra Gaos ofrecerán un concerto no que soarán as cancións de Disney máis populares. Será a partir das 21.00 horas cando soarán as melodías de Aladdin, A Bela e a Besta, Hércules, Enredados, Pocahontas, O Rei León, Frozen e Brave, entre outras.

A Semana Clásica pecharase o día 26, ás 22.00 horas, coa participación da coral polifónica El Eco, a máis antiga en activa de España, que este mesmo ano recibiu a Medalla Castelao en recoñecemento á súa longa traxectoria

SEMANA CLÁSICA. PRAZA DE MARÍA PITA

  • 20 de agosto, 21.00 horas: A Orquestra Sinfónica de Galicia presenta "Imprescindible"
  • 21 de agosto, 21.00 horas. A Banda Municipal de Música, con Serafín Zubiri, presenta "Homenaxe a Nino Bravo"
  • 22 de agosto, 21.00 horas: A Orquestra de Cámara Galega presente "Música desde o Atlántico"
  • 23 de agosto, 21.00 horas: A Orquestra Gaos presenta "Disney en concerto"
  • 26 de agosto, 22.00 horas: Coral Polifónica El Eco

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión