Uso de cookies nas páxinas web do Concello da Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso".

Concello da Coruña

Cando:

2 de febreiro de 2021

A Rede de Cidades que Camiñan destaca a xestión municipal na implantación de Coruña 30

Tras unha posta en común entre as administracións e os municipios que conforman a rede, incluído este concello, o colectivo comparte as solucións que Mobilidade levou a cabo nese proceso previo a limitar esta velocidade en territorio urbano

Logo dunha posta en común virtual realizada a semana pasada, a asociación Red de Ciudades que Caminan, á que está adscrita o Concello, púxoo como exemplo pola boa xestión que está levando a cabo na cidade con respecto á súa conversión a Coruña 30, antes de que a DXT implante esta velocidade de 30 Km/h como a máxima para circular en territorio urbano. O colectivo destaca que o Goberno local xa recuperou 50.000 m² de espazo público, que se pode transitar a pé, especialmente no eixe central e no bordo litoral de 12 Km lineais que ten a cidade, habilitando novos carrís para ciclistas e corredoras/es baixo a premisa de "un carril menos, unha beirarrúa máis". Nesta reflexión en que A Coruña aparece como modelo, o concelleiro de Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, sinalou que, ao ser un municipio de extensión reducida, a cidade alcanza só na súa primeira coroa metropolitana os 420.000 habitantes e que isto implica a entrada de 110.000 vehículos ao día.

Aínda que ten unha longa tradición peonil, o edil explicou que é a primeira vez que se aborda a mobilidade peonil desde unha perspectiva estratéxica, "no camiño da nova axenda urbana destinada a cumprir os obxectivos de desenvolvemento sustentable". Villoslada recordou que a orixe desta nova política de mobilidade está na declaración institucional que se aprobou durante unha sesión plenaria e na creación dunha mesa con dez grupos de traballos específicos aos que están vinculadas máis de 100 persoas. Pertencen ás distintas administracións, colexios profesionais, asociacións de comerciantes, veciñais e outras entidades como as que agrupan a ciclistas, patinadores, "rollers" ou as relacionadas coa loxística da última milla. Neste sentido, afirma que a pandemia acelerou o proceso en que se reduciu a 30 km/h a velocidade no 90% das vías urbanas e que se peonalizou San Andrés, unha das principias rúas da Coruña, durante as fins de semana. Desta experiencia, Villoslada indicou que se rexistraron menos resistencias das esperadas e que recibiron o apoio do comercio.

A intención do Goberno de Inés Rey é tratar de combinar as accións de pedagoxía social coas coercitivas e co redeseño dos espazos urbanos para reducir a velocidade. Con esa idea, Mobilidade marca como obxectivos cuestións como optimizar o sistema de carga e descarga e mellorar as contornas escolares e a accesibilidade, sobre todo pensando na poboación maior.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión