Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de xaneiro de 2021

A San Silvestre coruñesa foi das carreiras virtuais con maiores cifras de participación, con 1.850 corredoras/es

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, entregoulle hoxe á Cociña Económica os 2.250 euros recadados nesta entrega, en que particulares doaron para a entidade máis de 500 quilos de alimentos e as firmas patrocinadoras contribuíron con bebidas, comida e paquetes con agasallos para as familias máis vulnerables

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, entregoulle esta mañá un cheque de 2.250 euros ao presidente da Cociña Económica, Jacinto Torres, para dar así conta do que se recadou este ano na undécima carreira San Silvestre. A edila destacou que, pese ás circunstancias, A Coruña volveunos sorprender até conseguir altas cotas de participación: "Salvando a proba vallecana, a nosa San Silvestre, con 1.850 corredoras/es, foi unha das convocatorias virtuais que logrou unha maior asistencia de público". A edila destacou que, ademais desta cifra, houbo particulares que doaron até 545 quilos de alimentos nestas datas, que se sumaron aos 70 quilos de roscóns de Reis que achegou a firma Tahonas Debén, os 200 paquetes con agasallos que repartiu Gadis e as 2.800 bebidas distribuídas por Coca-Cola.

Mónica Martínez indicou que o obxectivo deste ano era alcanzar os mil participantes, polo que as preto de 2.000 persoas inscritas confirman que esta iniciativa medra e encara estes tempos estraños con máis forza ca nunca: "E non só na Coruña, a San Silvestre correuse tamén fóra da cidade. Enviamos camisetas a Estados Unidos, Venezuela e Reino Unido. Recibimos peticións de lugares repartidos por todo o Estado e os 5 e os 10 km solidarios tiveron panos de fondo ben diferentes, desde as praias de Miami ás de California ou Illinois". Ademais, asegurou que este ano "fomos máis as mulleres as que nos animamos a participar".

Pola súa parte, David Iglesias, presidente do Club Rialto e organizador da carreira, agradeceulles ao Concello e aos distintos patrocinadores que leven tantos anos contribuíndo coa carreira, sobre todo nesta edición en que a Cociña Económica necesita máis apoios: "Isto supón outro paso para seguirmos facendo máis grande a nosa cidade", afirmou.

Pola súa parte, Jacinto Torres, agradeceu o xesto de hoxe en nome da entidade e afirmou que cada vez son máis as persoas que acoden a ela en busca de comida. Aínda así, o responsable destacou o espírito solidario da veciñanza, logo de ver colas de máis de cen persoas para realizar donativos: "Isto fixo que o chef José Andrés viñese até aquí para elaborar menús despois de investigar cal era a organización sen ánimo de lucro que mellor funcionaba no país".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión