Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de agosto de 2020

A Xunta de Goberno local dálle luz verde ao plan de choque de limpeza

Na sesión de hoxe tamén aprobouse a convocatoria de bolsas de creación artística por valor de 180.000 euros

A Xunta de Goberno local deulle luz verde esta mañá á sinatura dun convenio coa Deputación para que a empresa Tragsa sexa a encargada de realizar, con carácter de urxencia, labores de limpeza viaria na cidade, por un importe de 255.984 euros nunha primeira fase.

Co fin de mellorar as condicións de salubridade da cidade e garantir as medidas sanitarias fronte á Covid-19, para lograr que A Coruña sexa unha cidade segura desde o punto de vista sanitario, o Goberno local decidiu sacar adiante "un plan de choque de limpeza" a través deste convenio, á espera de que no mes de outubro se inicie a execución do novo contrato.

Os traballos de limpeza nesta primeira fase centraranse principalmente no baldeo con desinfección das vías públicas, nas actuacións máis urxentes en prazas, vías e parques infantís, así como na recollida de residuos en lugares concretos que se converteron en puntos negros por falta de hixiene.

O equipo de reforzo centrará o seu labor nas prazas nas prazas de Lugo, Pontevedra, Vigo e Galicia, o centro urbano e o Paseo Marítimo, así como nos barrios de maior densidade de poboación (Monte Alto, Matogrande ou Agra do Orzán). Contará con 3 camións cisterna, 3 baldeadoras e 4 vehículos lixeiros. Os traballos realizaranse nunha única quenda de mañá, de 7.00 a 15.00 horas, de luns a venres, nun prazo de catro semanas.

A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, destacou que a elección destes barrios responde a un estudo realizado polo persoal técnico, que acredita que estas zonas contan cun maior número de puntos de suciedade e insalubridade con respecto a outras. "Trátase dunha primeira fase; os labores de limpeza do resto dos espazos e barrios da cidade proseguirán xa coa nova empresa de limpeza, que seguirá o mapa elaborado polo persoal técnico", dixo Fontán.

A edila lembrou que "a Covid-19 segue entre nós, como demostran estes brotes controlados que estamos a padecer estes días, polo que este plan tamén pretende responder a unha situación de salubridade e hixiene absolutamente necesarias neste momento".

Na sesión de hoxe, aprobáronse as bases da convocatoria das bolsas de creación artística para artistas individuais empadroados no municipio, cun orzamento de 180.000 euros. Estas bolsas forman parte da liña 6 do eixe 3 do Plan de reactivación económica e social da Coruña, PRESCO, dirixido á industria cultural.

A contía das axudas será dun máximo de 5.000 euros e o número de axudas irá en función das contías dos proxectos que se consideraren favorables e mais da dispoñibilidade orzamentaria. O obxectivo é apoiar e estimular a creación de proxectos de artistas locais como medio para promover a creación cultural da nosa cidade. Deste xeito, facilítase a promoción das artes e foméntase a actividade creadora.

A Xunta de Goberno local aprobou a modificación da Relación postos de traballo (RPT), co fin de axustar o persoal ás necesidades do concello. Refórzanse os servizos de Contratación, Benestar Social, Comercio e Emprego e, ademais, créanse dous novos servizos: Concesións e Economía. O obxectivo é conseguir unha maior efectividade dos recursos municipais. Tamén sairán a concurso 38 novas prazas.

Ademais, aceptou a cesión gratuíta dunha parte das vías situadas nos números do 18 ao 36 da avenida do Exército, propiedade do Estado, para os incorporar ao inventario municipal de vías públicas urbanas.

Doutra banda, autorizóuselle á Fundación Emalcsa tramitar e conceder as subvencións establecidas ao abeiro das convocatorias "VII Deporte solidario e inclusivo" e "V Cultura accesible e inclusiva".

O plan de seguridade e saúde presentado pola empresa Imesapi SA para levar acabo as obras de restauración do Xardín de San Carlos tamén saíu adiante. O proxecto está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER no marco do programa operativo plurirrexional de España 2014-2020. Tamén contou co visto e prace o proxecto de reforma do Rexistro Xeral de María Pita, co fin de cumprir a normativa sobre climatización, acústica e accesibilidade. Os traballos dispoñen dun orzamento de 423.832 euros.

E, por último, concedéuselle unha prórroga de tres meses á empresa Construcciones López Cao, SL, para o servizo de mantemento, conservación e reparación de firmes e pavimentos de calzada da cidade, por un importe de 203.000 euros.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión