Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de maio de 2021

A Xunta ratifica a solicitude do Concello para declarar BIC a Casa Cornide

O Goberno local estuda a vía xudicial máis segura “para lle devolver á cidade un patrimonio que é de todas e todos os veciños”, manifestou a alcaldesa, Inés Rey

O Concello mostra a súa satisfacción despois de coñecer que a Xunta resolveu favorablemente a súa petición de incoar o expediente para declarar a Casa Cornide como Ben de Interese Cultural (BIC). Para o Goberno local, a nova avala as accións que levou a cabo desde o principio do mandato co fin de recuperar o edificio espoliado pola familia Franco e que culminarán, unha vez que se distinga con esta catalogación, cun proceso xudicial para "lle devolver á cidade un patrimonio que é de todas e todos os veciños da Coruña", manifestou a alcaldesa, Inés Rey. Engadiu que agarda que pronto se poida facer un inventario do que se atopa dentro do edificio xa que, segundo as persoas expertas, podería haber pezas dun incalculable valor histórico. Tamén sinalou que os servizos xurídicos do Concello están estudando a vía xudicial que garanta a maior seguridade de cara a recuperar esta xoia da Ilustración.

Para a rexedora, isto supón un paso "importantísimo" para a obtención desta distinción, dentro dun proceso que o Concello comezou co encargo dun informe á UDC, en que se demostra que a permuta, subasta e venda da casa a Carmen Polo foi ilegal e en que se defende a titularidade pública do inmoble. Así mesmo, desde María Pita realizouse un informe histórico elaborado por Emilio Grandío Seoane e mais un estudo artístico ao historiador Alfredo Vigo Trasancos que se adxuntaron a toda a documentación o pasado mes de novembro co obxecto de conseguir esta catalogación.

Coa incoación do procedemento por parte da Xunta para declarala BIC, aplícase de forma inmediata o réxime de protección que establece a LPCG para os bens de interese cultural e para monumentos en particular. Tamén empeza a ser efectivo o réxime que establece a LPCG para os monumentos e os bens mobles declarados de interese cultural, aos espazos e sistemas construtivos, aos elementos decorativos ou ornamentais e á totalidade dos bens existentes no interior do inmoble que constitúen xunto a este unha unidade singular. Estas dúas cláusulas son fundamentais para salvagardar tanto o inmoble como os elementos arquitectónicos do seu interior de cara a recuperar todo o conxunto para a veciñanza, unha das máximas do Goberno de Inés Rey.

Pola súa parte, considera positivas as conclusións achegadas polo Goberno autonómico que coinciden coas expostas polos autores dos estudos e nas que aseguran que este ben se pode considerar como un monumento de carácter sobranceiro que constitúe un exemplo moi escaso da arquitectura residencial deseñada e construída na época da Ilustración en Galicia. Destacan tamén a grande calidade material e de composición e o seu grao de integridade nas súas estruturas e formalización. No ditame, fálase de que a Casa Cornide posúe elementos moi singulares e mesmo únicos no referido á planificación, estilo e ornamentación arquitectónica; e que está relacionado coa residencia dunha das máis destacadas personalidades en Galicia e en España do Século das Luces, José Andrés Cornide Folgueira e Saavedra. Por último, faise fincapé en que ocupa un lugar de relevancia no contexto urbano da Cidade Vella da Coruña, ao cal se suma o amplo recoñecemento social.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión