Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de xaneiro de 2023

Aberto o prazo de inscrición para o programa "Idiomas do mundo 2023"

O prazo de inscrición estará aberto desde o 25 de xaneiro ata o 7 de febreiro, ambos os días incluídos.

Xa está aberto o prazo de inscrición para as solicitudes de participación no programa Idiomas do Mundo 2023, que lle ofrece a oportunidade ao alumnado que cursa 1.º de bacharelato o presente curso 2022-23 de realizar unha actividade de inmersión lingüística no verán para mellorar a súa competencia en idiomas estranxeiros.

A convocatoria establece un mínimo de dez estancias durante catro semanas, preferentemente no mes de xullo, en Irlanda, Francia e Portugal, para polo menos un total de trinta entre os tres destinos.

Requisitos

Para poder participar no programa débese:

  • Estar empadroado/a no Concello da Coruña con algún proxenitor ou representante legal no momento da solicitude
  • Estar a cursar 1.º de Bacharelato nun centro educativo da cidade, obter unha cualificación media de 7 en 4.º de ESO e non contar con ningunha materia suspensa
  • Ter obtido unha cualificación mínima de 8 en 4.º de ESO na materia de lingua estranxeira para a que se solicita praza (inglés, francés, portugués ou galego), aínda que no caso de cursar algún destes idiomas na Escola Oficial de Idiomas poderase alegar a nota obtida nesta.
  • Estar en posesión do DNI, pasaporte ou NIF, ademais de dispoñer con 15 días de antelación ao comezo da estancia do visado, no caso de que sexa necesario por parte da persoa solicitante.

O alumnado seleccionado poderá ser beneficiario dunha subvención total ou parcial en función das circunstancias económicas familiares, segundo unha táboa que figura nas bases do programa. O importe do custo/praza está aínda por determinar, pendente da adxudicación do contrato de xestión actualmente en licitación. En todo caso o limiar máximo será o seguinte:

  • Irlanda: 4.744,40 euros
  • Francia: 4.744,40 euros
  • Portugal: 3.864 euros

A baremación das solicitudes realizarase de acordo coa nota media obtida en 4.º de ESO, ata un máximo de 6 puntos, de tal maneira que se a nota media é superior a 7 e igual ou inferior a 8 outorgaranse 2 puntos; se é superior a 8 e igual ou inferior a 9, serán 4 puntos, e se é superior a 9, serán 6 puntos. A cualificación de lingua estranxeira estará valorada en 3 puntos se é superior a 8 e igual ou inferior a 9, e de 6 puntos se é superior a 9.

Cando se acredite a existencia dunha situación de discapacidade da persoa solicitante nun grao igual ou superior ao 33% outorgaránselle 2 puntos na baremación.

A renda económica familiar non será baremada, aínda que permitirá establecer a porcentaxe de subvención por parte do concello e a achega que terán que realizar as persoas solicitantes en caso de non ser beneficiarias dunha subvención total.

A inscrición terá que ser realizada a través de calquera dos rexistros municipais (María Pita, Franxa, Fórum Metropolitano, Ágora e Centro Cívico de Mesoiro) solicitando cita previa, no rexistro telemático da sede electrónica municipal ou en calquera dos lugares establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2012, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para formalizar a ficha de inscrición será necesario achegar toda a documentación, recollida nas bases que se poden consultar nesta páxina web.

Contacto

Correo: educación@coruna.es

Tel.: 981 184 200, extensión 12114

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión