Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de xuño de 2026

As nenas e nenos coruñeses, protagonistas do pleno do Consello Local da Infancia, que tivo na saúde mental unha das súas liñas de reivindicación

A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor a implicación da rapazada para mellorar e transformar a cidade, así como o compromiso amosado con cuestións como a igualdade de xénero

O Palacio Municipal de María Pita abriulle as súas portas á conmemoración do pleno infantil do Consello Local da Infancia (CLIAC), un organismo creado polo Concello hai catro anos co obxectivo de darlle voz ás nenas e nenos coruñeses e facelos partícipes das políticas municipais.

Alumnas e alumnos pertencentes a 13 centros educativos da cidade (CEIP Anxo da Garda, CEIP María Pita, CEIP Ramón de la Sagra, CEIP Sal Lence, CEIP San Pedro de Visma, CEIP Víctor López Seoane, IES Sardiñeira, CPR Cid, CPR Grande Obra de Atocha, CPR Karbo, CPR Salesianos San Juan Bosco, CPR Santa María del Mar e CPR Santo Domingo) integran o Consello, representando as novas xeracións da Coruña nesta iniciativa que leva o seu sentir e as súas demandas á axenda pública do Goberno local.

Na sesión de hoxe, a alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor o compromiso das rapazas e rapaces "neste gran proxecto común que é mellorar o lugar onde vivimos". A rexedora tamén lembrou que "transformar a cidade é algo que non entende de idades, senón de implicación, curiosidade e sensibilidade, tres das virtudes que definen os máis pequenos, que teñen a capacidade de analizar e escoitar, de ollar ao mundo sen prexuízos e sempre cunha visión construtiva".

En anos previos, os plenos do CLIAC abriron camiño a moitas iniciativas de carácter social e medioambiental no conxunto da cidade, formuladas para mellorar os seus espazos públicos. Por exemplo, a instalación de máis árbores nas rúas e parques da Coruña. Tamén a delimitación e visibilización dos camiños escolares, especialmente nos percorridos e a contorna dos centros educativos. Moitos menores integrantes do CLIAC forman parte hoxe tamén do Consello Autonómico da Infancia e do Consello Asesor de UNICEF. 

Este ano, un dos puntos fortes na orde do día foi a alegación da rapazada a prol dos coidados da saúde mental e a conciliación familiar. Inés Rey, acompañada hoxe polo concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, puxo en valor o enfoque das nenas e nenos con respecto a estas cuestións, "porque mellorar a nosa sociedade pasa por coidarnos entre todas e todos, sen excepción".

Na sesión, a alcaldesa tamén destacou o compromiso das nenas e nenos coa igualdade de xénero, lembrando o manifesto emitido polo CLIAC co gallo do 8-M, Día Internacional da Muller, "manifesto que era moito máis que un texto; foi unha declaración do voso compromiso social co mundo que queremos".

A alcaldesa avanzou que o seguinte paso que dará o Concello será a posta en marcha do Consello Local da Adolescencia, para dar voz tamén a ese amplo colectivo e escoitar as súas inquedanzas e propostas. 

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión