Uso de cookies nas páxinas web do Concello da Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso".

Concello da Coruña

Cando:

26 de xaneiro de 2021

As novas restricións obrigan a pospoñer toda a actividade cultural prevista nestas tres semanas

Buscarase unha segunda data sempre que as/os artistas poidan e daráselle ao público a opción de reclamar a devolución das localidades xa adquiridas

As novas medidas restritivas acordadas onte polo Comité Clínico da Xunta de Galicia obrigan o Concello a cancelar toda a actividade cultural da cidade que estaba programada nas seguintes tres semanas. No caso dos espectáculos do IMCE, tratarán de reprogramalos no calendario coa finalidade de manter a actividade cultural da cidade, salvo que as e os artistas non poidan, casos en que optarían por ofrecerllos ao público vía streaming. Neste aspecto, parouse a venda de entradas para todas as montaxes, até definir en que formato se poderán desfrutar.

As localidades que xa están adquiridas serán válidas para as novas datas mais, paralelamente, abrirase unha canle de devolución para aquelas persoas que non poidan ou non queiran asistir aos eventos.

En concreto, as citas afectadas polas restricións actuais son: o Documental do mes, programado para o 2 de febreiro no Centro Ágora; e o recital que tiñan previsto dar Rodolfo Häsler e Xesús Rábade dentro do ciclo Poetas Di(n)versos o 8 de febreiro, tamén en Ágora. No Fórum Metropolitano verase afectada a obra "Salvador", do ciclo Sen Numerar, que estaba prevista para este venres, así como o cine pensado para as xornadas dos días 28, 29 e 30 de xaneiro, en que se ían proxectar os filmes "Chappaquiddick" e "Familia sumergida".

Pola súa parte, o Coliséum e a OSG acordaron manter en pé os concertos programados para as próximas semanas para retransmitilos vía streaming a través do YouTube da formación. A fidelidade demostrada polo público durante estes meses verase así correspondida dándolle a opción de que os desfruten na Rede de forma gratuíta. As citas terán lugar o 29 de xaneiro e os días 5 e 12 de febreiro, ás 20.00 horas, e irán precedidas dunha programación especial -desde as 19.30 horas- en que se poderán ver fragmentos dalgúns dos seus directos, entrevistas e reportaxes máis vistas dunha canle que conta xa con máis de cen mil subscriptores de todo o mundo.

Deste xeito, a OSG ofrecerá este venres un monográfico dedicado a Richard Wagner coa presenza de Matthias Goerne, un dos grandes barítonos wagnerianos da nosa época, que cantará fragmentos de "Tristán e Isolda", "O holandés errante" e "A valquiria", baixo a dirección de Josep Pons.

Na cita do 5 de febreiro, será Karl-Heinz Steffens quen se porá á fronte da orquestra cun programa en que a violinista Viviane Hagner interpretará xunto á OSG "Concerto para violín", de Alban Berg, e "Sinfonía nº 1", de Robert Schumann, mentres que o 12 de febreiro o contrabaixo principal da formación galega, Risto Vuolanne, tocará a parte solista na estrea do "Concerto para contrabaixo e orquestra", de Jukka Linkola. O repertorio, dirixido por Dima Slobodeniouk, pecharase coa "Sinfonía nº 9, A Grande", de Schubert.

As entradas vendidas para estes concertos deixan de ter validez e a devolución dos importes realizarase polo mismo medio en que foron adquiridas. Nos próximos días faranse públicos os prazos concretos para recuperar os cartos.

Pola súa banda, o Teatro Colón aprazará o concerto que Clunia ía protagonizar este venres con motivo do 40 aniversario do Jazz Filloa até o 30 de abril, coincidindo co Día Internacional do Jazz; e "Noites de Retranca", previsto para este sábado, pasará ao 20 de marzo. Para "Rock en familia: Descubrindo a Mecano" confirmarán unha segunda data nos vindeiros días.

Pola súa parte, o Teatro Rosalía Castro comunicará proximamente as peculiaridades de cada un dos seus espectáculos. Pecharán as súas portas os museos e as salas de exposicións e cancelarase toda a actividade da rede de bibliotecas, que, a súa vez, reforzará os seus programas en liña.

Para se adaptar ás novas restricións da Xunta, o IMCE modifica a partir de mañá o horario do despacho de billetes do quiosco da praza de Ourense, en que se atenderá o público de luns a xoves, de 10.00 a 14.00 e de 15.00 a 18.00 horas e os venres, de 10.00 a 15.00 horas. Durante mañá e o sábado, o servizo trasladarase aos despachos de billetes do Teatro Rosalía, debido ás obras que se realizarán na instalación.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión