Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de febreiro de 2022

As vivencias e historias dos soldados españois e os nativos do Rif tras o Desastre de Annual chegan este venres ao Teatro Rosalía de Castro

O espectáculo teatral ‘RIF (De piojos y gas mostaza)’, protagonizado por Arantxa Aranguren e Néstor Ballesteros, está integrado na programación do Ciclo Principal neste primeiro semestre de ano

O Teatro Rosalía de Castro abrirá as súas portas este venres, día 11, ao terceiro dos espectáculos previstos na programación do Ciclo Principal de Teatro-Primavera 2022, que comezou a finais do mes de xaneiro.

'RIF (De piojos y gas mostaza)', dirixida por Laila Ripoll e protagonizada por Arantxa Aranguren, Néstor Ballesteros e Juanjo Cucalón, aborda a historia de tres soldados do exército español que se encontran nas terras do Rif marroquí despois do coñecido como Desastre de Annual, a derrota militar ante as forzas de Abd el-Krim no ano 1921. Os tres soldados representan aos milleiros de recrutas que marcharon forzosamente dos seus fogares para alistarse no exército e tamén aos milleiros de rifeños obrigados a loitar no lado español para mitigar a fame e a miseria.

O relato, que avanza ata o ano 1936, ás portas da Guerra Civil, percorre máis dunha década da historia de España nun período clave da súa historia recente, atendendo ás principais figuras e acontecementos que marcaron os anos de guerra e entreguerras: deputados, altos comisarios, reis e militares, entre outros. 

As entradas para asistir ao espectáculo, que comezará este venres 11 ás 20.30 horas, están á venda e dispoñibles a través da páxina web de Ataquilla.com e tamén no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas), con prezos de 5 a 18 euros para o público xeral. Os pases tamén poderán adquirirse o día da actuación, nos despachos de billetes do Teatro Rosalía de Castro (de 16.00 a 20.00 horas), sempre que haxa entradas dispoñibles.

O cumprimento das pautas e medidas sanitarias contra a Covid-19

Durante a sesión, e en virtude das medidas sanitarias vixentes contra a Covid-19, será obrigatorio dispor do certificado de vacinación e tamén o uso de máscaras para as persoas asistentes. Ademais, e en todo momento, tanto na agarda, acceso e estancia dentro do recinto, as usuarias e usuarios deberán seguir as instrucións do persoal.

Por outra banda, non poderán acceder ao evento aquelas persoas con síntomas compatibles coa Covid-19, aquelas diagnosticadas coa enfermidade e as que non finalizasen o período de illamento, así como as persoas que se atopen en período de corentena domiciliaria por ter contacto estreito con algunha persoa afectada por síntomas ou diagnosticada da Covid-19.

Outras dez obras previstas ata mediados de xuño

Tras 'RIF (De piojos y gas mostaza)', a programación do Ciclo de Teatro-Primavera 2022 no Rosalía de Castro presenta dez obras máis durante este primeiro semestre de ano. Son as seguintes:

  • 18 e 19 de febreiro: Atocha, el revés de la luz, con Nacho Laseca e Fátima Baeza.

  • 4 e 5 de marzo: El cuaderno de Pitágoras, con Manolo Caro e Emmanuel Cea.

  • 12 de marzo: Tierras del Sud (Trilogía Pacífico), con Laida Azkona e Txalo Toloza-Fernández.

  • 18 e 19 de marzo: Eva contra Eva, con Ana Belén e Mel Salvatierra.

  • 27 de marzo: El diablo en la playa, con Celeste e Claudia Faci.

  • 1 e 2 de abril: Lo fingido verdadero, con María Besant e Montse Díez.

  • 8 e 9 de abril: Smoke on the water, con Josito Porto e Belén Constenla.

  • 22 e 23 de abril: Erresuma. Kingdom, con José María Pou e Eneko Sagardoy.

  • 20 e 21 de maio: As que limpan, con Areta Bolado e Noelia Castro.

  • 17 e 18 de xuño: Los Santos Inocentes, con Javier Gutiérrez e Pepa Pedroche.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión