Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

4 de octubre de 2022

A actuación, financiada con fondos Next Generation, forma parte da rolda peonil que atravesará a cidade

Comezan os traballos da segunda fase da humanización de Alcalde Marchesi

Esta obra comprende o tramo entre as rúas Ramón y Cajal e Posse e Río Monelos ata o viaduto da avenida de Oza

Este martes comezaron os traballos da ampliación do proxecto de humanización da rúa Alcalde Marchesi, no seu tramo entre as rúas Ramón y Cajal e Posse, e na rúa Río Monelos ata o viaduto que atravesa a avenida de Oza. Esta actuación enmárcase dentro do proxecto da rolda peonil que atravesará a cidade de leste a oeste, proxectada polo Goberno municipal de Inés Rey e que ten na rúa Alcalde Marchesi un dos seus eixes centrais.

O orzamento desta obra é de 676.734 euros e o prazo de execución será de cinco meses, polo que o conxunto da actuación levada a cabo en Alcalde Marchesi e Primavera quedará nos primeiros meses do 2023. O proxecto, elaborado polo estudio Ezcurra y Ouzande, forma parte da política municipal de creación de espazos de preferencia peonil fronte ao tráfico rodado, buscando neste caso concreto aumentar a calidade urbana do espazo público. Neste caso outro dos obxectivos será a posta en valor do patrimonio e a memoria colectiva, coa instalación dunha lámina de auga que recreará o lugar polo que circulaba o río Monelos, canalizado agora baixo estas rúas.

Este proxecto finánciase con fondos europeos Next Generation acadados no actual mandato polo Goberno de Inés Rey. Ata o de agora, as rúas presentes no ámbito da actuación contaban cunha grande intensidade de uso. As beirarrúas eran reducidas e con escaso espazo peonil no seu conxunto. Esta actuación suporá unha mellora das condicións de uso deste ámbito e porá en valor os itinerarios peonís fronte ao tráfico rodado que, en todo caso, se manterá ao longo de Alcalde Marchesi.

A actuación, ao detalle

A intervención prevé a ampliación das zonas de uso peonil exclusivo e xerarase espazo de pacificación, con uso mixto, con prioridade para as peoas e os peóns. A rúa Alcalde Marchesi terá un carril de calzada, cunha zona de carga e descarga na marxe dereita e beirarrúas axardinadas a ambos os lados, con novo mobiliario público como bancos de formigón. No acceso desde Ramón y Cajal elevarase a calzada para evitar o exceso de velocidade dos vehículos á entrada neste tramo.

Na rúa Río Monelos está previsto crear unha plataforma única, cunha zona de circulación mixta e espazos de uso exclusivo peonil. Haberá, de novo, zonas verdes e mobiliario urbano. Na confluencia entre Alcalde Marchesi e Río Monelos está prevista a creación da referencia ao antigo río. Por outra banda, o viaduto que conecta Río Monelos coa avenida de Oza tamén terá unha nova xardineira que cubrirá parte do muro. No espazo entre a rúa Posse, A Gaiteira e Alcalde Marchesi habilitarase un espazo de uso mixto, elevado mediante vao respecto á glorieta existente e con novas zonas verdes e mobiliario.

O material principal desta actuación, seguindo o criterio empregado no resto da rolda peonil, será o formigón, con detalles de cor como a lámina azul que lembrará o paso do río Monelos. As árbores plantadas serán bidueiros e haberá distintas plantas para tapizar a instalación. Renovarase a iluminación por unha de tipo LED máis eficiente enerxeticamente e tamén haberá unha intervención e mellora da rede de saneamento. Todo o conxunto quedará adaptado á normativa de accesibilidade vixente.

Os traballos levaranse a cabo por fases co fin de manter de maneira permanente o paso peonil mediante pasarelas ou outros medios e permitir o acceso aos portais e establecementos comerciais dos edificios durante a duración dos traballos.

Glorieta en Ramón y Cajal

Por outra banda, esta semana comezaron os traballos para a creación dunha glorieta no cruzamento entre a rúa Ramón y Cajal e a avenida do Exército. O obxectivo desta actuación será mellorar a calidade do tráfico rodado na contorna e a mobilidade peonil e ciclista. Este proxecto enmárcase dentro das políticas de Inés Rey da mellora da circulación en puntos clave da cidade, posibilitando tamén unha maior integración de alternativas sostibles como a bicicleta.

O orzamento total da nova glorieta será de 542.836 euros, financiada tamén a través dos fondos Next Generation, e o seu prazo de execución será de seis meses. Ademais da creación da rotonda no cruzamento, reordenaranse os pasos de peóns e os pasos ciclistas, garantindo a seguridade viaria e o tránsito. Por outra banda, o proxecto suporá unha mellora en materia de accesibilidade, con beirarrúas máis amplas e de novos materiais.

Esta glorieta complementa a outra creada no 2020 no cruzamento entre Ramón y Cajal e Pérez-Arda, tamén integrada na contorna con avances na accesibilidade peonil e no tránsito de bicicletas. A iso hai que engadir a renovación do carril bici de Ramón y Cajal, executado no 2021, que supuxo unha mellora da seguridade das persoas usuarias.

As dúas actuacións enmárcanse na estratexia de mobilidade posta en marcha neste mandato por Inés Rey, e que ten suposto a humanización máis de 50.000 metros cadrados en distintos barrios da cidade.

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión