Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

31 de xaneiro de 2021

Continúa aberto o prazo para as axudas en obras de cara a mellorar a eficiencia enerxética e a accesibilidade das vivendas

O Concello subvenciona as actuacións de propietarias/os que procuran unha redución do gasto de enerxía e mais das e dos que pretenden dispoñer dun percorrido apto para todas as persoas desde a vía pública até as casas de cada solicitante

O prazo para presentar a documentación de cara a conseguir unha axuda municipal pola mellora da eficiencia enerxética e a accesibilidade nos edificios de vivendas rematará o 15 de febreiro. As bases da convocatoria están colgadas desde o 15 de decembro, despois de seren aprobadas o pasado 2 de febreiro pola Xunta de Goberno Local cun importe de 2,6 millóns de euros. A cidadanía poderá optar a unha subvención de cando menos o 25% da actuación en caso de que reduza a demanda enerxética anual global do seu inmoble, que ben pode pertencer a un edificios de vivenda colectiva ou ser individualizada.

A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que esta convocatoria evidencia a importancia que a conservación e rehabilitación de vivendas teñen no modelo de cidade que se persegue. O Goberno local, apuntou, aposta polas políticas de rehabilitación centradas neste caso na reforma enerxética e na necesidade de garantir a accesibilidade á todas e todos; políticas que serven tamén para reactivar a economía.

Canto á accesibilidade, a convocatoria diríxese a todas/os propietarias/os que pretendan dispor dun percorrido completamente accesible desde a vía pública até cada unha das súas vivendas. Neste apartado, inclúense a instalación de novos ascensores, a ampliación do percorrido aos elevadores xa existentes co fin de suprimir o tramo de escaleiras, a adaptación dos percorridos accesibles até estes elementos e a renovación destas instalacións. Segundo as características estruturais e construtivas do bloque, así como o seu nivel de protección, poderán ser obxecto de axuda aquelas que, sen acadaren o dito grao de accesibilidade completa, si permiten polo menos alcanzar os axustes razoables definidos no artigo 2 da ordenanza municipal reguladora. Por outra parte, son subvencionables os traballos que afecten ao interior das casas na procura dunha accesibilidade total se nelas viven persoas de mobilidade reducida ou maiores de 70 anos.

Poderán ser beneficiarias/os de axudas nas obras sobre elementos comúns do edificio, as comunidades de propietarias/os e cada dona/o das vivendas. No referente ás individualizadas, será a/o propietaria/o ou a/o ocupante dela coa autorización deste. Tamén serán beneficiarias as persoas promotoras, no caso de rehabilitación integral dun edificio non ocupado, cando se destine ao seu domicilio habitual, a entidades benéficas sen fin de lucro ou a vivendas cualificadas como vivendas protexidas de réxime xeral destinadas a alugueiro protexido.

O importe das axudas establecerase segundo o artigo 8 da ordenanza municipal reguladora e a convocatoria pódese consultar na ligazón: https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/538131.

A tramitación terase que realizar a través da sede electrónica do Concello.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión