Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de abril de 2022

Coruña10 presenta a súa camiseta, cunha homenaxe ao pobo ucraíno

A décimo sexta edición da carreira contará cun circuíto preparado para mellorar marcas, tamén ten carácter solidario, xa que recadará fondos para a asociación AGA-Ucraína, e a elástica oficial da proba, de cor azul luar para maiores e turquesa para menores, fai referencia ao país que foi invadido por Rusia.

Inscribirse en Coruña10 ten premio. Só por apuntarse á máis popular das probas atléticas que se realizan na cidade herculina, as persoas inscritas recibirán unha camiseta moi especial, de cor azul luar para as carreiras de maiores e turquesa para as probas de menores.

Esta vez, non só fai referencia á competición en si, senón tamén a unha causa solidaria. Lembra que ademais da carreira programouse unha actividade de zumba con dobre propósito: practicar esa actividade física e recadar fondos que a asociación AGA-Ucraína destinará, integramente, a adquirir medicamentos e apósitos para os hospitais de Ucraína, país invadido por Rusia.

A camiseta de Coruña10 porta unha mensaxe de paz na manga esquerda, coas cores da bandeira de Ucraína, e no anverso, a lenda "Por Ucraína", que acompaña o logo da proba, a C10, a súa edición deste ano, a décimo sexta, e a data na que se realiza, 24 de abril, así como a mención aos organizadores, o Concello da Coruña e a Federación Galega de Atletismo, e os patrocinadores: El Corte Inglés, Coca-Cola e Horno Sanbrandan.

No reverso, tamén aparece, pero en pequeno, o logo da carreira e, xa nun corpo maior, o lema desta edición: Corre co Atlántico aos teus pés. E é que o Atlántico acompañará os/as corredores/as durante boa parte do percorrido, que foi deseñado para bater marcas.

Coruña10 roza xa as 2.500 persoas inscritas. O prazo ordinario conclúe o vindeiro sábado 16 de abril de maneira presencial, nos centros de El Corte Inglés da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo dentro dos seus horarios comerciais, e a opción telemática cerrarase o domingo 17 de abril ás 23.59 horas.

Aquelas persoas que se inscriban no prazo extraordinario, o luns 18 e martes 19 de abril, non teñen garantida a camiseta xa que a produción destas ten que facerse con antelación.

Os dorsais e camisetas serán entregados ás persoas inscritas o venres e sábado previos á proba, en El Corte Inglés da Coruña e, excepcionalmente, o día da competición. As persoas participantes serán informadas da hora de recollida.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión