9 de xuño de 2025
O Goberno de Inés Rey avanza na folla de ruta para dar resposta ás necesidades do barrio, que inclúen a apertura do parque do Observatorio. Días atrás, o Concello acadou a concesión demanial dos terreos do parque
O Concello dá continuidade ao plan de melloras previsto na Agra da Orzán, onde hoxe arrincaron os traballos para mellorar a accesibilidade da rúa Manuel Deschamps no treito entre Fanny Garrido e a rolda de Outeiro, unha intervención que forma parte dos compromisos adquiridos polo Goberno de Inés Rey coa veciñanza do barrio.
Manuel Deschamps é unha rúa configurada en dous treitos: o primeiro, entre a rolda de Outeiro e a rúa Fanny Garrido -que inclúe un pequeno carreiro sen saída, con acceso a bloques de residentes-, e o segundo, entre Fanny Garrido e Almirante Mourelle. "Neste último foi no que actuamos nestes últimos meses ao abeiro das melloras previstas entre Peruleiro e a rúa Barcelona, cofinanciadas con fondos europeos", precisou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.
Agora, e atendendo ás solicitudes das veciñas e veciños da zona, o Concello acometerá con fondos propios a mellora de accesibilidade no primeiro treito de Manuel Deschamps, co obxectivo de darlle xa unha uniformidade ao conxunto da rúa.
A grandes trazos, renovaranse os pavimentos da calzada e das beirarrúas, dándolle unha sintonía estética co tipo de baldosa que se habilitou entre Peruleiro e a rúa Barcelona. E, ademais, intervirase no carreiro lateral que hai no treito inicial da rúa. Ao ser un espazo eminentemente residencial, beirarrúa e calzada pasarán a estar configurados en forma de plataforma única, cun acceso para os vehículos que van aos garaxes. Ao longo do carreiro crearase, ademais, unha pequena área verde con arboredo e mobiliario urbano.
Como xa é habitual nestes casos, antes de que arrinquen os traballos de demolición, este luns instaláronse as casetas de traballo e os valados de obra, visibles xa na rúa.
Noemí Díaz incidiu en que, no contexto das obras, "o Concello manterá a interlocución constante coa veciñanza para manter a todas as persoas residentes informadas sobre o avance dos traballos e dos seus prazos".
As melloras na Agra, un compromiso do Goberno municipal
Coas novas actuacións en Manuel Deschamps, o Concello supera xa o millón de euros en investimentos en materia de infraestruturas no barrio da Agra, onde o Goberno de Inés Rey xa está a dar pasos fundamentais para concretar unha das demandas históricas do barrio: a apertura do parque do Observatorio.
Tal e como se informou a semana pasada no Pleno da Corporación municipal, o Concello acadou a semana pasada a concesión demanial dos terreos do parque por parte do Estado. Isto permitirá convertelo en zona verde e abrilo ao público neste mandato. Para facelo, será preciso derrubar antes os muros mentres que, en paralelo, se redacta o proxecto para executar o novo parque.
14 de xuño de 2025
11 de xuño de 2025
8 de xuño de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible