25 de outubro de 2026
A competición, cun percorrido de 5.850 metros entre O Ventorrillo e A Silva, contou tamén con carreiras para as categorías inferiores, desde sub-18 ata peques
O Ventorrillo acolle unha nova xornada de deporte popular coa participación de máis de 1.000 corredores e corredoras
O barrio do Ventorrillo acolleu este domingo a duodécima edición da súa carreira popular, unha cita integrada no XIII Circuíto de Carreiras Populares Coruña Corre que reuniu a máis de 1.000 participantes entre as diferentes categorías. A proba, organizada polo Concello da Coruña, volveu levar o atletismo popular aos barrios da cidade, nunha xornada que combinou a competición deportiva coa promoción dos hábitos de vida saudables entre persoas de todas as idades.
Na categoría absoluta, Esteban Díaz Pérez proclamouse vencedor masculino cun tempo de 20 minutos e 30 segundos, mentres que Clara Díaz Martín acadou o primeiro posto na clasificación feminina cun rexistro de 24 minutos e 33 segundos. Completaron o podio masculino Bruno Riadigos Piñeiro, segundo cun tempo de 20 minutos e 37 segundos, e Bruno Salido Jove, terceiro cun rexistro de 20 minutos e 42 segundos. Na clasificación feminina, Vanessa Hervada López acadou a segunda posición, cun tempo de 25 minutos e 26 segundos, seguida de Noelia Papín Estévez, terceira cun rexistro de 25 minutos e 56 segundos.
A carreira principal arrincou ás 10.00 horas no cruzamento das rúas Alcalde Salorio Suárez e Alcalde Jaime Hervada, desde onde os corredores e corredoras afrontaron un percorrido de 5.850 metros que combinou treitos de asfalto con pistas de terra polo Ventorrillo e a contorna do núcleo da Silva. O trazado ofreceu ás persoas participantes unha proba con diferentes superficies, nun itinerario que percorreu esta zona da cidade.
A competición continuou posteriormente coas carreiras das categorías inferiores, que se desenvolveron de forma graduada entre as 11.15 e as 12.30 horas. As rapazas e rapaces das categorías sub-18, sub-16, sub-14, sub-12, sub-10 e peques participaron en percorridos adaptados ás súas idades, con distancias comprendidas entre os 110 e os 2.550 metros.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou a importancia de iniciativas como Coruña Corre para fomentar a práctica deportiva entre a cidadanía e achegar o atletismo popular aos diferentes barrios da cidade. O circuíto municipal, impulsado polo Goberno de Inés Rey, permite que persoas de distintas idades e niveis deportivos compartan espazos de participación arredor da actividade física.
O circuíto Coruña Corre encara a súa recta final
Coa celebración da carreira do Ventorrillo, o XIII Circuíto de Carreiras Populares Coruña Corre entra na súa recta final. A competición municipal, que ao longo da tempada percorre diferentes barrios da cidade, concluirá o vindeiro 22 de novembro coa XIV Carreira Popular de Novo Mesoiro.
Esta iniciativa forma parte da programación deportiva promovida polo Concello da Coruña para facilitar a práctica do exercicio físico, fomentar a participación cidadá e consolidar o deporte popular como unha actividade accesible para todas as idades.

13 de novembro de 2026

13 de novembro de 2026

7 de novembro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible