Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de marzo de 2020

“Falando a boca chea” traerá a artistas referentes da narración oral do 21 ao 25 de abril

Celso E. Sanmartín, Quico Cadaval ou Carmen Conde actuarán en formato espectáculo nunha cuarta edición que ofrecerá citas gratuítas no vestíbulo e na biblioteca do Fórum Metropolitano

O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, presentou esta mañá o Festival de Narración Oral "Falando a boca chea", que terá lugar no Fórum Metropolitano do 21 ao 25 de abril, organizado por Artestudio Xestión Cultural, con diversos espectáculos tanto no vestíbulo como na biblioteca e no auditorio. Ana Judel, directora do espazo, destacou o carácter innovador da proposta, xa que "non se trata de monologuistas ao uso aínda que moitas/os coñecémolas/os como tales, senón de realizar narración oral ao estilo das antigas historias que se contaban ao carón da lareira, onde a imaxinación, os símbolos, os soños e a poesía están presentes".

O ciclo tomará o edificio. Na entrada poderase desfrutar, ás 19.00 horas, dos espectáculos abertos e gratuítos de Vero Rilo, o mércores 22 de abril; Caxoto, o xoves 23 de abril; Soledad Felloza, o venres 24 de abril; e do Colectivo amador de narración oral "Cédoche a palabra", o sábado 25 de abril. Na biblioteca infantil programaranse ás 18.00 horas contos para as e os pequenos de dous a catro anos, con Bea Campos, o 23; e Soledad Felloza, o 24. Para estes dous eventos, necesítase unha inscrición previa en coruna.gal/bibliotecas.

Por último, o auditorio acollerá en formato espectáculo a posta en escena do Colectivo amador de narración oral "Cédoche a palabra", o día 21, con entrada de balde ata completar a capacidade, para continuar o 22 con Celso E. Sanmartín; Quico Cadaval, o 23; Carmen Conde, o 24; e Gari, o 25. Todos comezarán ás 21.00 horas e o prezo das localidades para os catro últimos son de sete euros, seis para persoas co carné xove, maiores de 65 anos e desempregadas. Na venda anticipada, que pecha o día anterior á función ás 23.59 horas, as entradas valerán cinco euros.

Pola súa parte, o coordinador, Ramiro Neira, falou de que esta cuarta entrega ten un histórico atrás, "xa que vén dun desenvolvemento de accións de hai moitos anos no Fórum Metropolitano que derivou nesta marca, en que o central é a palabra e a historia, as historias que contan as narradoras e narradores". Neira sinalou que a cita fará rir, emocionará e nela, transmitiranse valores a través dunha arte propiamente galega como é a da oralidade.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión