Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de marzo de 2021

Inés Rey: “A Coruña ten que volver ser unha cidade de cinema”

A alcaldesa participou na presentación da II Semana do Cinema Galego e manifestou o seu compromiso co sector audiovisual autonómico afirmando que “a intención do Goberno local é que o cine galego teña aínda máis presenza o ano que vén”

Esta tarde, na presentación da II Semana do Cinema Galego que tivo lugar no Teatro Colón, a alcaldesa, Inés Rey, manifestou o seu compromiso co sector audiovisual galego: "A Coruña ten que volver ser unha cidade de cinema". De feito, destacou, "a intención do Goberno local é que o cine galego teña aínda máis presenza o ano que vén". A rexedora anunciou que desde o consistorio xa se está a traballar "para celebrarmos unha III Semana do Cinema Galego de maior duración, con diversidade de categorías e que constitúa un punto de encontro profesional e, por suposto, un referente nacional".

No acto de presentación, que tamén foi retransmitido por streaming a través das redes sociais da Academia Galega do Audiovisual, tamén participaron a presidenta desta entidade, Ana Míguez, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

A alcaldesa afirmou que "apoia firmemente a Semana do Cinema Galego para darlle visibilidade á gran cantidade de producións galegas e axudar o sector audiovisual galego na súa proxección". Rey lembrou a acollida que a iniciativa tivo o ano pasado: "Todos os días houbo un cheo absoluto e colas de xente que quería entrar". Rey tamén apelou ao sector da cultura manifestando que o Goberno local "aposta por protexer e darlles cobertura aos elementos artísticos de maior proximidade" porque "a pandemia lembrounos o fundamental que supón poñer en valor o propio, o próximo", dixo. Nesa aposta por programar cultura segura, a rexedora afirmou que "este ano, con todas as restricións, quixemos estar, da maneira que for posible, para dicirlle á nosa escena audiovisual que estamos aí, que apostamos e cremos no cinema que se fai en Galicia".

No acto de hoxe, e despois da presentación deste ciclo de cinema, tivo lugar un coloquio entre as actrices María Mera, Nerea Barros e Victoria Teijeiro, así como a proxección de "A Illa das mentiras", de Paula Cons, a primeira das catro películas finalistas dos Premios Mestre Mateo deste ano na categoría de longametraxe que se proxectarán desde hoxe e até o 28 de marzo no Teatro Colón. As localidades para todas as sesións da Semana do Cinema Galego, 164 por proxección, están esgotadas desde hai días.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión