Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de marzo de 2021

Inés Rey: “A exposición sobre Lolita Díaz Baliño certifica que as mulleres da Coruña poden protagonizar os grandes eventos artísticos da cidade”

A alcaldesa visitou a exposición ‘Lolita Díaz Baliño. A realidade soñada’, que se poderá ver na Fundación Luis Seoane desde o 25 de marzo ao 19 de setembro A alcaldesa asegura que a mostra “volve poñer en valor o traballo da Fundación Luis Seoane á hora de lle achegar á cidadanía o legado das xeracións creativas do século XX, así como o seu diálogo coas presentes"

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitou esta mañá a exposición 'Lolita Díaz Baliño. A realidade soñada', que abre as súas portas mañá e na que se pode contemplar a primeira gran mostra antolóxica da ilustradora coruñesa, con case un cento de obras. "Esta exposición sobre Díaz Baliño certifica que as mulleres da Coruña poden protagonizar os principais eventos culturais e artísticos da cidade", indicou Inés Rey, que engadiu: "Estamos ante unha das exposicións máis importantes do ano, que ademais lle outorga visibilidade a unha figura fundamental, pero pouco coñecida aínda".

A alcaldesa estivo acompañada na visita pola directora da Fundación Luis Seoane, Silvia Longueira, a comisaria da exposición, Rosario Sarmiento, o deputado de Cultura da Deputación, Xurxo Couto, e por membros do Padroado da Fundación. A mostra abre á cidadanía debuxos, colaxes ou unha selección de porcelanas de Díaz Baliño (A Coruña, 1905-1963) ademais dun apartado documental que inclúe, entre outras cousas, dous retratos a lapis da artista realizados polo seu sobriño Isaac Díaz Pardo. "Desde o concello temos en alta estima o traballo que fai a Fundación Luis Seoane á hora de mostrar non só a obra de Seoane, senón tamén a das xeracións creativas do século XX achegadas á súa figura, así como a súa influencia e diálogo coas actuais", indicou Inés Rey.

"Estamos apostando forte pola arte local, coordinando esforzos con institucións como a Fundación Luis Seoane ou mediante a programación propia da Área de Cultura do concello, con exemplos como as exposicións colectivas que se poden desfrutar estes días en Palexco e no Kiosco Alfonso e outras máis que axiña anunciaremos. Estamos culminando un proceso de reformulación das propostas expositivas municipais que suporá un impulso para os e as artistas coruñesas, así como para a creación de novos públicos, liña na que participan programas como Estudios Abertos", afirmou a alcaldesa, antes de lembrar que "na Coruña a cultura non para, pode comprobarse esta mesma semana, cunha importante cantidade de actividades e eventos municipais que confirman que aquí a cultura segue e é segura", rematou.

A exposición 'Lolita Díaz Baliño. A realidade soñada' abre mañá 25 de marzo e permanecerá na Fundación Luis Seoane ata o 19 de setembro. Ademais da propia fundación e o Concello da Coruña, colaboran nela Gadis e a Deputación da Coruña.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión