Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de xaneiro de 2025

Inés Rey: “A Torre é das mellores instalacións deportivas públicas de Galicia”

A alcaldesa visitou a cidade deportiva, onde esta semana rematarán os traballos de renovación do campo 1, completando o conxunto dos terreos de xogo

O Concello da Coruña remata esta semana a renovación do campo número 1 da Cidade Deportiva da Torre - Arsenio Iglesias. Esta mañá, a alcaldesa, Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, visitou as instalacións e supervisou o resultado dos traballos. Tamén participou o director da obra, Julio Calderón. "Completamos deste xeito a renovación de todos os terreos de xogo destas instalacións municipais, o que supón a actuación en máis de 20.000 metros cadrados de céspede artificial e un investimento de case 1,4 millóns de euros", sinalou a rexedora.

O orzamento desta actuación foi de 419.000 euros e os traballos consistiron na retirada e renovación do céspede artificial, así como a mellora da instalación de rega e a substitución do equipamento asociado, como porterías e bancos. "Con esta actuación melloramos unha das mellores instalacións deportivas de titularidade pública de Galicia, que pasará a contar cunha superficie homologada para hóckey herba, como nos comprometimos antes de afrontar este proxecto, e cunhas calidades que minimizarán o risco de lesións das persoas usuarias", sinalou Inés Rey.

Esta actuación forma parte do plan de mellora da Cidade Deportiva da Torre - Arsenio Iglesias, que inclúe diferentes investimentos relevantes como a substitución das varandas e a creación de novos elementos accesibles, traballos que comezarán proximamente. O Goberno de Inés Rey busca con estas actuacións "mellorar a experiencia das persoas usuarias das instalacións, que contan tamén cunha renovada iluminación led en todos os seus campos", tal e como indicou a alcaldesa esta mañá.

Con esta actuación continúase a desenvolver desde o Concello o plan de mellora das instalacións deportivas municipais. Nese sentido, xa está en fase de contratación o Plan Director de Instalacións e Equipamentos Deportivos, co que se busca adecuar e mellorar os espazos deportivos de titularidade municipal e establecer unha folla de ruta que determine as futuras necesidades da cidade neste eido.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión