Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de xullo de 2024

Inés Rey anima á cidadanía a participar nas actividades deportivas do programa Coruña en Forma, que se desenvolve na cidade ata finais de agosto

A rexedora visitou esta mañá ás e aos participantes nas sesións de zumba na praia de Riazor. “O obxectivo é achegar á cidadanía á práctica do deporte, independentemente da súa idade, interiorizando hábitos saudables”, expuxo

A alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, visitaron este luns en Riazor ás e aos participantes no programa municipal Coruña en forma , unha iniciativa que, ata finais de agosto, implica a cidadanía na práctica deportiva en espazos ao aire libre, en actividades que non requiren de inscrición previa e tampouco teñen límite de idade.

Hoxe pola mañá, acompañando ás persoas que participaron na sesión de zumba prevista na explanada do Paseo Marítimo de Riazor, Rey puxo en valor o principal obxectivo do programa, "que é achegar ás coruñesas e coruñeses á práctica do deporte, independentemente da súa idade, interiorizando hábitos saudables no seu día a día". 

Nesta edición de Coruña en Forma ofértanse actividades e ioga, tai chi, ximnasia aeróbica, zumba, pilates e tonificación muscular, entre outras. Ademais, tamén hai propostas de lecer para as fins de semana, con rutas a patíns e xogos con cans. Toda a programación está supervisada por profesionais con formación na actividade física.

A alcaldesa incidiu, ademais, no aproveitamento dos espazos naturais da cidade para a execución das actividades. Ademais da contorna da praia de Riazor, tamén no miradoiro do Matadoiro, o parque Europa e o parque de Vioño, así como en áreas ao aire libre en barrios como Os Rosales (praza Elíptica), Monte Alto (praza dos Avós), a praza dos Mariñeiros, Novo Mesoiro (na pista de fútbol Cruyff Court), Someso (na praza de Expocoruña) e en Palavea, ante o mercado.

Enclaves como Riazor, núcleo e corazón do programa, funcionan moi ben todos os veráns a nivel de demanda cidadá, pola súa localización, á beira do mar, e a súa visibilidade. Rey apuntou que, neste sentido, "tamén se están a ter en conta, ano a ano, as peticións veciñais para ampliar ou estender o radio de acción do programa aos demais barrios".

A rapazada da Coruña xa goza dos Campamentos Deportivos

Tamén esta mañá, a alcaldesa visitou ás nenas e nenos que participan nos Campamentos Deportivos Municipais que se levan a cabo nas instalacións deportivas de Riazor. Ata finais de agosto, centos de rapazas e rapaces en idade de 6 a 13 anos tomarán parte nas múltiples actividades previstas de luns a venres, en horario de mañá.

"Iniciativas como esta fan máis sinxela, ano tras ano, a conciliación familiar, e tamén contribúen a fomentar valores positivos entre as novas xeracións. Non só a práctica deportiva e os hábitos saudables, senón tamén a amizade e o traballo colectivo", apuntou a rexedora.

Tamén che pode interesar

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión