Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de febreiro de 2021

Inés Rey apoia a candidatura de Rogelio Groba a Premio Princesa de Asturias das Artes

Como alcaldesa e como presidenta do Consorcio para a Promoción da Música defende a proposta autonómica para que o compositor e director que vive na Coruña reciba este prestixioso galardón polo seu exhaustivo coñecemento e amor pola música

A alcaldesa, Inés Rey, como máxima representante do Concello e como presidenta do Consorcio para a Promoción da Música apoia a candidatura do compositor e director Rogelio Groba a Premio Princesa de Asturias das Artes, proposta pola administración autonómica. Para a rexedora, o pontevedrés establecido na Coruña desde finais dos anos 60 posúe méritos suficientes como para ser distinguido con este galardón. Os seus máis de 20 anos á fronte da Banda-Orquestra Municipal da Coruña deixaron unha fonda pegada na cidade, en que Groba fundou tamén a Orquestra do Conservatorio Superior de Música da Coruña e mais a Orquestra de Cámara Municipal. O aspirante foi profesor de Contrapunto e Fuga; de Harmonía e de Composición no conservatorio coruñés, que tamén dirixiu durante vinte anos, un traballo que serviu para afianzar os demais conservatorios superiores e profesionais de música galegos. Rey sinala que ademais da súa faceta como director está a súa prolífica obra como compositor, o que o mantén aínda activo e que se diferencia do resto por ter un selo propio.

TRAXECTORIA

Rogelio Groba Groba (1930), natural de Guláns-Ponteareas (Pontevedra) descubriu a música con tan só once anos cando comezou a tocar o frautín na banda local A Unión de Guláns para se facer coa dirección artística da agrupación aos 17 anos. Estudou no Real Conservatorio de Música de Madrid, onde obtivo o título superior en Composición coas principais mencións e honras, tanto en Harmonía como en Contrapunto e Fuga. Máis tarde, asumiría as funcións de dirección de banda na Estrada, Tui e Ponteareas, e xa fóra de Galicia en Pedro Muñoz (Ciudad Real). Durante os seis anos que viviu en Suíza, estivo dirixindo as agrupacións musicais  de Yverdon, Orbe e Perroy, no cantón de Vaud, así como en Martigny e Saint-Maurice, no cantón de Valais. Froito desta experiencia internacional, Groba chegaría a realizar catro edicións do "Festival Groba", que se creou en recoñecemento ao seu labor artístico e académico.

Roxelio Groba é veciño coruñés desde 1967 e tras unha longa carreira no ensino, desde 1992 dedícase exclusivamente á creatividade e á composición musical. Entre os seus recoñecementos e distincións destacan: o Premio Xunta de Galicia da Cultura (1992), a Medalla Castelao (1995) e o Premio Cultura Galega de Música (2011).

Algunhas das súas obras foron interpretadas por formacións de gran prestixio como a London Symphony Orchestra, a Orquestra de Cámara de Stuttgart, a Orquestra Sinfónica de Galicia, o Coro Gätchinger ou London Voices.

Desde o Concello coinciden coa administración autonómica en defender a Rogelio Groba como un claro aspirante a conseguir o Premio Princesa de Asturias das Artes ao demostrar ao longo de toda a súa vida un exhaustivo coñecemento e un profundo amor pola cultura musical.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión