Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de maio de 2021

Inés Rey demanda seguir avanzando con diálogo e serenidade na definición do futuro do Porto

A próxima reunión interadministrativa terá lugar a mediados de xuño na Coruña A rexedora considera que o debate sobre o futuro do porto debe afrontarse con firmeza pero desde a tranquilidade posto que a maioría das forzas políticas da cidade concordan que o Porto non está en venda

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, pide serenidade e vontade de diálogo a todas as forzas políticas e administracións para seguir avanzando na integración do porto na cidade cando se cumpren catro meses da reunión do 23F que permitiu sentar a todos os implicados nunha mesa.

"Hai catro meses o porto tiña un grave problema coa súa débeda e non existía tren a Langosteira, hoxe grazas ao diálogo temos una folla de ruta clara, unha moratoria no pago da débeda ata o 2035, o compromiso de que o tren chegará ao porto exterior e a vontade por parte de todas as administracións implicadas de traballar conxuntamente nunha proposta que garanta o futuro do porto e a súa integración coa cidade" destacou a alcaldesa.

A rexedora considera que o debate sobre o futuro do porto debe afrontarse con firmeza pero dende a tranquilidade de saber que a maioría das forzas políticas da cidade están de acordo en que o Porto non está en venda, "o futuro do Porto é o futuro da cidade e o deseñaremos dende a cidade, en colaboración coas administracións implicadas".

O Concello da Coruña seguirá a defender en todas as mesas de traballo a posición aprobada nos acordos plenarios referendados por unanimidade: titularidade pública dos terreos, creación de equipamentos dotacionais e espazos libres públicos e usos produtivos portuarios e complementarios vinculados á economía do mar.

Ante a próxima reunión da comisión interadministrativa que se celebrará a mediados de xuño, a alcaldesa subliñou que o que corresponde agora é deseñar un protocolo de reordenación do espazo portuario interior e sentar as bases do futuro da fachada marítima da cidade.  "É o momento de seguir a folla de ruta marcada definindo primeiro un novo protocolo que substitúa aos de 2004 e que fixe os usos para os terreos portuarios. É momento de comezar abrir os peiraos para as coruñesas e coruñeses, será o primeiro que fagamos en diálogo coas administracións implicadas ". Nesa xuntanza, o Goberno local agarda deixar establecidas as bases da integración dos espazos portuarios na cidade.

O Concello seguirá defendendo dende a serenidade e o diálogo a posición que teñen a maioría das coruñesas e coruñeses: poder integrar o porto na cidade, volver a desfrutar das instalacións portuarias e mellorar a mobilidade na cidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión