Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de febreiro de 2021

Inés Rey e Núñez Feijóo formalizan a construción do novo Hospital

A alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, asinaron esta mañá o convenio que permite desbloquear o novo CHUAC Rey: “Esa capacidade de diálogo que amosamos ambas as administracións ten que servirnos de guía para continuar reactivando a cidade”. A rexedora asegurou que “hoxe blindamos a sanidade pública, poñemos de manifesto unha das nosas prioridades: o acceso por parte de toda a cidadanía, sen excepcións, a unha sanidade pública e de calidade”

A alcaldesa, Inés Rey, asinou hoxe o convenio para a construción do novo CHUAC xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. A sinatura permite desbloquear a construción da nova infraestrutura e "blindar a sanidade pública da cidade", apuntou a rexedora.

Por parte do Goberno municipal asistiron á sinatura o concelleiro de Economía e Facenda, e  voceiro do goberno, José Manuel Lage, e o concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada. O presidente da Xunta estivo acompañado da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Inés Rey advertiu da importancia do novo hospital de cara a estarmos preparados para o futuro no eido sanitario. "A pandemia puxo de manifesto que temos que estar preparados para o que poida acontecer. Os recursos públicos non se poden improvisar, por iso hoxe, xuntos e xuntas, poñemos esta primeira pedra en forma de sinatura co fin de apuntalarmos o noso futuro sanitario". "Estamos a vivir a peor crise sanitaria en máis dun século, unha epidemia con consecuencias demoledoras tanto no humano como no económico. Non hai mellor medio de facerlle fronte que contar coas infraestruturas sanitarias máis acaídas", remarcou Rey.

A alcaldesa asegurou que "hoxe o futuro da nosa cidade é mellor xa que cumprimos cunha das súas principais necesidades, a dun novo hospital público". Unha aposta decidida, dixo, "non só para a cidade da Coruña, senón tamén para a nosa área metropolitana e para toda Galicia". Rey sinalou que  o seu goberno "blinda o acceso por parte de todos os coruñeses e coruñesas,  sen  excepcións, a  unha  sanidade pública e de calidade" porque nestes tempos convulsos, matizou, "a política ten que servir, máis ca nunca, para ofrecer solucións" e "esa capacidade de diálogo que amosamos ambas as administracións ten que servírmonos de guía para continuar reactivando a cidade". Lembrou que o convenio establece que o Hospital deberá ser de titularidade e xestión pública, "como non podía ser doutro xeito, nun Goberno municipal que defende claramente a sanidade pública".

A alcaldesa lembrou unha das súas claves de goberno. "Neste mesmo Salón de Plenos, o día da miña investidura, lancei unha intención que era tamén un desexo: que o presente mandato municipal fose o mandato do diálogo, para centrármonos no nuclear, o progreso da Coruña. O diálogo institucional polo que apostei desde que cheguei á alcaldía fixo posible relanzar proxectos de cidade como o que selamos hoxe. E hoxe enviamos unha mensaxe moi importante á cidade e a Galicia: é a nosa obriga chegar a acordos, entendérmonos, o contrario é facer propaganda e non política".

A rexedora agradeceulle ao presidente da Xunta o diálogo fluído durante os últimos meses para desbloquear esta infraestrutura.  "A Coruña é a última das cidades galegas en renovar as súas instalacións sanitarias, é algo necesario desde hai xa moito tempo e teño que agradecerche persoalmente o diálogo que mantivemos para desbloquear este proxecto", e tendeulle a man ante "calquera iniciativa que redunde nunha mellora dos servizos públicos".

Por outra banda, referiuse aos proxectos de cidade en que traballan ambas as administracións. "Esa capacidade de diálogo que amosamos ten que servirnos de guía para continuar reactivando a cidade. Este non será o último proxecto para a cidade que ambas as administracións levemos a cabo conxuntamente".

Rey concluíu a súa intervención aludindo á defensa da cidade con acordos de progreso: "Servizos e sanidade pública, diálogo e lealdade institucional. Non esquezamos xamais que a nosa maior riqueza é a nosa saúde. Sigamos nesa senda, presidente, a man da alcaldesa sempre estará tendida, con firmeza en defensa da cidade, pero disposta a acordos como o de hoxe, acordos de progreso", sentenciou Rey.

Pola súa banda, o titular da Xunta salientou que este proxecto fará posible un Novo CHUAC máis cómodo, con máis espazo, máis accesible e con novos servizos para pacientes e familiares, e destacou que o Novo CHUAC será a obra sanitaria máis importante desta lexislatura e a obra máis importante que se fai na Coruña nos últimos 50 anos.

Feijóo agradeceu a disposición do municipio para desbloquear e cooperar no desenvolvemento desta infraestrutura en que se investirán máis de 431 e que permitirá dobrar a superficie hospitalaria até acadar os 225.000 metros cadrados de superficie; ampliar un 108% os postos de urxencias; elevar o 50% as consultas e o número de habitacións individuais; e sumar un 15% máis de camas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión