Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de setembro de 2022

A alcaldesa, acompañada por representantes da asociación veciñal do Castrillón-Urbanización Soto, visitou este venres a infraestrutura, que abrirá á cidadanía o día 27 de decembro

Inés Rey: “O Centro Deportivo do Castrillón é unha realidade e os veciños gozarán desde este mesmo ano das instalacións deportivas máis modernas da cidade”

Este venres (das 16.00 ás 20.00 horas) e o sábado, 1 de outubro (das 10.00 ás 14.00 e das 16.00 ás 20.00 horas), o Concello promove dúas xornadas de portas abertas para que as persoas asistentes coñezan de primeira man as novas instalacións

A alcaldesa, Inés Rey, acompañada por representantes da Asociación de Veciños do Castrillón-Urbanización Soto, visitou esta mañá as instalacións do novo Centro Deportivo do Castrillón, que abrirá as súas portas á cidadanía o vindeiro 27 de decembro.

A rexedora puxo en valor "o compromiso amosado polo Goberno municipal para abrir, neste mandato, o Centro Deportivo do Castrillón, que xa é unha realidade. A veciñanza gozará desde este mesmo ano das instalacións deportivas máis modernas da cidade".

Esta mesma tarde terá lugar, ademais, a primeira das dúas xornadas de portas abertas promovidas polo Concello para dar a coñecer entre a cidadanía toda a información necesaria sobre a infraestrutura. Entre as 16.00 e as 20.00 horas, e en grupos de 15 a 20 persoas, persoal municipal acompañará ás e aos asistentes para que coñezan, de primeira man, a distribución das instalacións.

A segunda xornada de portas abertas desenvolverase este sábado, 1 de outubro, en dúas quendas: de mañá, de 10.00 a 14.00 horas; e de tarde, entre as 16.00 e as 20.00 horas. As visitas, ao igual que o venres, levaranse a cabo en grupos de 15 a 20 persoas.

A alcaldesa subliñou que "o obxectivo destas xornadas de portas abertas é amosar as novas instalacións á cidadanía para que poidan ver o que fixemos e animarse a se inscribir e gozar da oferta deportiva das novas instalacións". 

As instalacións do Centro Deportivo do Castrillón

Neste sentido, as persoas asistentes ás xornadas abertas de venres e sábado poderán percorrer os dous andares do Centro Deportivo. Na primeira planta atópanse os controis de acceso e unha zona de agarda. Hai catro vestiarios, dous por xénero e outros dous para equipos que compitan puntualmente nas instalacións. Nesta parte sitúase, ademais, a pista polideportiva, cunha bancada para 100 espectadoras e espectadores. Trátase dunha estrutura divisible en dúas partes mediante cortinas para poder levar a cabo varias actividades de forma simultánea. Atópase tamén, neste primeiro andar, a piscina de catro estaxes e a zona termal, con saunas, diferentes tipos de duchas, hidromasaxe e espazo para dous postos de masaxe. Completa esta primeira planta unha sala de actividades dirixidas, divisible en dúas partes mediante paneis móbiles.

No segundo andar é onde está localizada a sala de fitness, que contará cunha zona cardiovascular e de musculación. Tamén haberá outra sala de actividades dirixidas, divisible en tres partes. O resto de estancias do Centro Deportivo do Castrillón forman parte dos espazos reservados para o persoal e o mantemento. 

Durante este mandato, o Goberno de Inés Rey levou a cabo un investimento de case 2 millóns de euros para completar estas instalacións, que contan cunha superficie total de 3.445 metros cadrados. 

O período de preinscrición no Centro Deportivo do Castrillón comezará durante este mes de outubro, cando se informará ás persoas interesadas de todos os detalles sobre o seu uso.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión