Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de agosto de 2022

Inés Rey: “O programa de estadías en Norteamérica promove a igualdade de oportunidades entre o estudantado da cidade”

A alcaldesa recibiu hoxe en María Pita aos 35 alumnos coruñeses que cursarán o seu primeiro ano de Bacharelato en Canadá

O Salón de Sesións do Pazo Municipal de María Pita acolleu este venres o acto de recepción dos 35 estudantes coruñeses beneficiarios das Bolsas Norteamérica 2022-23, que o vindeiro ano cursarán primeiro de Bacharelato en centros educativos localizados en cidades anglófonas de Canadá, nas provincias de Alberta, Manitoba e Terranova e Labrador.

A alcaldesa, Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín, recibiu ás mozas e mozos que obtiveron praza tras a convocatoria de bolsas de cara ao curso que vén, e puxo en valor o programa municipal de bolsas para estadías no estranxeiro, posto en marcha no ano 2004 "e que supuxo unha iniciativa pioneira en todo o país, froito da aposta do Concello polas políticas de benestar e, de maneira especial, por unha educación que promove a igualdade de oportunidades entre as mozas e mozos dos centros educativos da cidade para que todos teñan a opción de decidir o seu futuro baseándose nas súas capacidades e esforzo".

Desde entón, máis de 800 mozas e mozos coruñeses tiveron a oportunidade de estudar o seu primeiro ano de Bacharelato en Norteamérica, concretamente nos Estados Unidos. Nesta edición, e a causa das restricións establecidas desde o país no contexto da pandemia, cunha sensible redución do número de visados de estudos, decidiuse estender o programa a Canadá, cun sistema educativo que comparte valores co estadounidense e destino habitual tamén para este tipo de estadías de estudos.

Neste sentido, a alcaldesa trasladou aos estudantes e ás súas familias o compromiso firme do Concello para ofrecerlles "a tranquilidade necesaria e un apoio constante durante toda a súa estadía en Canadá, que supón unha enorme oportunidade para mellorar en termos de capacidades lingüísticas, mais tamén na formación como persoas".

O formato das Bolsas Norteamérica 2022-23

Este programa municipal de bolsas abrangue dúas modalidades: unha, de carácter total, orientada a familias que non superan os 9.000 euros anuais de renda per cápita; e outra, de carácter parcial, para familias que si exceden dita cifra, polo que o Concello asume, nestes casos, un máximo do 95 % e un mínimo do 5 % do custo total das prazas.

O obxectivo é que as alumnas e alumnos participantes, que cursarán o equivalente a un Grado 11 en Canadá e os Estados Unidos, adquiran un dominio avanzado da lingua inglesa e un coñecemento real da cultura no país de acollida.

A estadía dos estudantes coruñeses que obtiveron praza das Bolsas Norteamérica 2022-23 comezará este mes de agosto e rematará en xuño do vindeiro ano, incluíndo as vacacións escolares de Nadal e a Semana Santa.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión