Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de outubro de 2021

Inés Rey presenta a iniciativa musical Noites do Porto como un revulsivo para a cultura, o turismo e a hostalaría da Coruña

A alcaldesa sinala que a cita suporá dar “un paso máis nun dos compromisos que adquirimos como goberno e no que estamos a traballar desde a nosa chegada, a apertura do porto á cidade e a recuperación deste espazo para o goce dos cidadáns”

A alcaldesa, Inés Rey, presentou este mediodía "Noites do Porto", unha nova iniciativa musical no peirao de Batería, que traerá do 29 ao 31 de outubro aos artistas Derby Motoreta's Burrito Kachimba e Califato ¾ (29), Bad Gyal (30), e Xoel López e Ángel Stanich (31). Con esta nova actividade, a rexedora sinalou que se dá "un paso máis nun dos compromisos que adquirimos como goberno e no que estamos a traballar desde a nosa chegada, a apertura do porto á cidade e a recuperación deste espazo para o goce dos cidadáns". Deste xeito, o porto recobra a súa vida na cidade e a posibilidade de formar parte, de novo, do ocio das coruñesas e coruñeses. A alcaldesa falou de que a cita musical nace coa vocación de se consolidar no panorama cultural español e simboliza esa integración dos terreos portuarios na Coruña. "Queremos que o Porto volva ser das coruñesas e coruñeses e de todas/os aquelas/es de fóra da cidade e de Galicia que se queiran achegar a gozar desta cita musical á beira do Atlántico", nunha aposta por reactivar o turismo e o sector da hostalaría.

Rey asegurou que serán tres noites únicas porque o escenario xa é de sobra un aliciente e porque a natureza de cada un dos artistas conforma un cartel atraente para públicos ben distintos en idades e gustos. A alcaldesa lembrou que o compromiso do Concello co impulso da cultura se puxo de manifesto este verán coa programación de ocio e musical con motivo das festas de María Pita e tamén con todas as iniciativas culturais que se activaron co novo PRESCO: bono de cultura, as bolsas de creación artística ou o Presco Cultural. Inés Rey agarda que sexan moitas máis noites as que nos queden nun novo espazo que se incorpora á cidade para seguir reforzando os elementos centrais da nosa política, a mobilidade sostible e a apertura de novos espazos públicos para a cidadanía. Á presentación tamén acudiron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), Jacobo Sutil; Antonio Roca e Juan Martínez, en representación da Corporación Hijos de Rivera; e Héctor César, director de Noites do Porto. Este último explicou que se instalará unha lona transparente no recinto de xeito que será posible ver a paisaxe portuaria durante o evento para o que se porán á venda as entradas a través das plataformas virtuais de Ataquilla a prezos de 25 euros, o venres, e 35 euros, para os concertos do sábado e o domingo. De momento, a capacidade máxima será de 1.000 persoas de pé, mais agardan poder aumentala a 1.500.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión