Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de marzo de 2022

Inés Rey sinala que o proxecto do Novo Chuac está chamado a “saldar a débeda sanitaria coa cidade da Coruña”

A alcaldesa destacou o compromiso do Goberno municipal co plan de ampliación do hospital, que conta con 26 millóns de euros que achegará o Concello

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, valorou hoxe no Chuac "a capacidade de entendemento entre Administracións en clave de progreso" durante o acto de presentación do proxecto técnico do que será o Novo Chuac, "que non só representará unha mellora relevante para a cidade, senón tamén unha aposta decidida, con feitos, pola nosa área metropolitana e por toda Galicia", agregou a rexedora.

Inés Rey sinalou, ademais, a importancia de "poñer en valor un hospital que cumpre medio século de vida e que é unha referencia en toda España, de aí a necesidade de continuar co seu crecemento sen destruír o existente". "Queriamos un modelo de hospital sostible económica e ambientalmente, que blindase o seu carácter público como fixemos a través do convenio que asinamos coa Xunta hai un ano no Pazo Municipal de María Pita", recordou.

En virtude deste convenio marco, o Concello da Coruña achegará 26,3 millóns de euros en fondos municipais ao proxecto do Novo Chuac, dos que máis de 10 servirán para executar as obras dos accesos viarios ao novo hospital, así como a remodelación da contorna. Ademais, o Goberno municipal pon a disposición da Xunta unha parcela de 8.000 metros cadrados en Eirís, moi próxima ao hospital e valorada en 2,3 millóns de euros. "O noso compromiso é claro, e a Xunta terá sempre en nós un aliado eficiente e comprometido para o desenvolvemento das actuacións que comecen a saldar a débeda sanitaria coa nosa cidade, mellorando a atención sanitaria".

Inés Rey agregou, durante a súa intervención, que o convenio de desenvolvemento que establecerá as obrigas de cada Administración está xa nunha fase avanzada, toda vez que se definiron os trazados definitivos dos viais e as infraestruturas. "O novo hospital supón plasmar políticas de progreso, pensadas para a maioría, con indubidábel vocación de defensa do sector público".

Neste sentido, e poucos días despois de cumprirse dous anos da declaración do estado de alarma a causa da pandemia da Covid-19, a alcaldesa quixo agradecer á comunidade sanitaria "o traballo desenvolvido", así como "o seu esforzo e dedicación, motivo de orgullo para todos". "Esta crise puxo de manifesto que nada hai máis importante que a saúde pública, e así debe reflectirse minuto a minuto, especialmente por parte daqueles que teñen as competencias nesta materia", sinalou Inés Rey.

O futuro do centro de saúde de Santa Lucía

Por outra banda, a alcaldesa da Coruña sinalou que o Goberno municipal continúa avanzando co Sergas "na redacción conxunta dos pregos" do futuro centro de saúde de Santa Lucía, no barrio da Falperra. A obra será executada polo Concello e incluirá, ademais, a remodelación do antigo mercado municipal de Santa Lucía.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión